4 de xuño de 2015
A proba dispútase este sábado, 6 de xuño, nun circuíto urbano dun quilómetro polos Cantones. Daranse cita 76 marchadores e 37 marchadoras de 23 países, entre os que se atopan os mellores especialistas do momento, como o español Miguel Ángel López
O concelleiro de Deportes en funcións, Francisco Mourelo, acompañado pola vicepresidenta en funcións da Deputación, Mariel Padín; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o presidente honorífico desta entidade deportiva e impulsor da proba, Sergio Vázquez; e por Jordi Llopart, primeira medalla do atletismo español nuns Xogos Olímpicos- presentou esta mañá o XXIX Gran Premio Internacional Cantones de A Coruña – Sergio Vázquez , unha competición que forma parte do XIII Race Walking Challenge e que se celebrará o vindeiro sábado, 6 de xuño, nun circuíto urbano dun quilómetro (ida e volta) que discorrerá entre a praza de Mina e a rúa Alcalde Manuel Casás, á altura da Subdelegación do Goberno. Paralelamente, disputarase o IV Circuíto Josefina Romeu e o Campionato de España de Veteranos de 5 e 10 quilómetros.
“Un ano máis, A Coruña convértese na capital mundial da marcha grazas á celebración desta cita que é por méritos propios, tanto de participación como de organización, un clásico do calendario deportivo coruñés. De feito, é a única proba da Race Walking Challenge que se celebra en España en 2015, compartindo protagonismo este ano con países como China, México, República Checa ou Portugal”, explicou o concelleiro, quen destacou que se trata, probablemente, do evento deportivo de máis alto nivel dos que se realizan na Coruña, xa que se dan cita os mellores deportistas desta disciplina.
O XXIX Gran Premio Internacional Cantóns da Coruña – Sergio Vázquez é unha das grandes citas a nivel mundial como demostra a alta participación desta edición, con 76 marchadores e 37 marchadoras (superando tanto na categoría masculina como feminina as cifras do 2014, cando foron 74 homes e 33 mulleres).
Os atletas, que representan un total de 23 países, tomarán a saída ás 18:30 h (categoría feminina) e ás 18:50 h (categoría masculina). Tamén se disputan este sábado, a partir das 16:45 h, o IV Circuíto Josefina Romeu e o Campionato de España de Veteranos de 5 e 10 quilómetros, aproveitando a celebración do Gran Premio Internacional Cantones de A Coruña – Sergio Vázquez.
Ademais do alto número de países participantes e do incremento de deportistas, destaca o seu alto nivel deportivo, xa que a proba contará na categoría masculina con marchadores da talla de Miguel Ángel López Aguilar (actual campión de Europa, en Zúric 2014; ouro na Copa de Europa de Murcia 2015 e campión de España en Ruta 2015); Álvaro Martín (campión de España Ruta Promesa e segundo clasificado no ránking nacional deste ano); os chineses Chen Ding e Wang Zhen (ouro e bronce, respectivamente, nos Xogos Olímpicos de Londres 2012); o ecuatoriano Andrés Chocho (líder do Challenge 2015); e cun forte equipo xaponés, con Eiki Takahashi, Isamu Fujisawa e Kai Kobayashi (terceira, cuarta e quinta mellor marca mundial do ano).
Na proba feminina tamén se poderá gozar dun cartel de luxo, coa gañadora da edición do ano pasado, a chinesa Liu Hong; o seu compatriota Qie Yangshijie (bronce olímpico en Londres 2012); Raquel González (campioa de España Ruta 2015); e Laura García-Caro (campioa de España Ruta Promesa 2015 e mellor marca española do ano), entre outras participantes.
A organización do XXIX Gran Premio Internacional Cantones de A Coruña – Sergio Vázquez quixo renderlle unha homenaxe a Anarita Sidoti, quen faleceu o pasado 21 de maio vítima dun cancro. Anarita Sidoti -excampioa do mundo desta disciplina e que gañou a proba coruñesa en 1996 e 1998- é a protagonista do cartel nesta nova edición.
Á presentación tamén acudiu José Antonio Bazán, presidente do Club Marineda Atlético. Esta agrupación deportiva organiza o domingo, 7 de xuño, nas pistas de Elviña, os campionatos galegos de marcha en categorías Xuvenil, Junior e Promesa.
TRÁFICO
A Concellería de Mobilidade, en coordinación coa área de Deportes, estableceu un dispositivo especial con motivo da celebración desta proba deportiva. Así, o vindeiro sábado, de 14:45 h a 21:00 h, córtase o tráfico nos Cantones -desde a praza de Mina ata cale Alcalde Manuel Casás-, e a saída de Santa Catalina, cambiando o sentido de circulación desta rúa cara a de San Andrés.
Ademais, mantense o xiro na praza de Mina cara Juana de Veiga e desprázase a parada de taxis do Cantón Grande a Santa Catalina (lateral do Banco Pastor). O tráfico de saída da Mariña desvíase por Ambrosio Feijóo cara a Alférez Provisional.

2 de decembro de 2025

30 de novembro de 2025

27 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible