Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de xullo de 2019

Inés Rey destaca na presentación da Feira do Libro o papel das bibliotecas municipais na vida cultural da cidade

A alcaldesa presentou a 48 da Feira do Libro de Coruña que contará nesta edición coa presenza das 33 casetas. Rey destacou o papel da rede de bibliotecas no fomento e na dinamización da lectura, en especial entre as persoas máis novas. Unha rede de bibliotecas que conta co maior número de socias/os de Galicia, cun total de 97.601

 A alcaldesa, Inés Rey, subliñou o importante papel que desenvolve a rede de bibliotecas da cidade no fomento e na dinamización da lectura, en especial entre as persoas máis novas e súa implicación na organización da Feira do Libro da Coruña. A rede de bibliotecas é a maior de Galiza e a que conta con maior número de socias/os. Un total de 97.601. A Coruña é un dos concellos que máis cartos adica ao servizo da lectura pública.  

Rey quere que A Coruña recupere o seu protagonismo no panorama cultural galego, que volva ser o centro da cultura galega, "aproveitar todo o potencial cultural que temos". Para iso, o Goberno local creará un grande evento que xire arredor do Día das Letras Galegas. Un proxecto, apuntou Rey, "no que quero contar co apoio da Real Academia Galega e das/os libreiras/os da cidade". 

Rey presentou esta mañá a 48 edición da Feira do Libro da Coruña que, baixo o lema "Máis que palabras", en homenaxe a Antón Fraguas, terá lugar nos xardíns de Méndez Núñez entre os días 1 e 11 de agosto. A alcaldesa sinalou que un ano máis os libros regresan aos xardíns de Méndez Núñez e fano co apoio do Goberno local. "A feira do libro é unha das citas culturais máis importantes do verán; unha cita con libreiros e editores da nosa comunidade na que todos nos involucramos", insistiu.  

A alcaldesa destacou o labor e o esforzo que realizan as/os libreiras/os no fomento da lectura e resaltou a necesidade de ver o libreiro como un profesional. "O seu traballo para impulsar a lectura entre a cativada máis pequena é vital para o futuro dos libros", apuntou.

A alcaldesa estivo acompañada na presentación da coordinadora da Federación de  Librarías de Galicia, Nani Regueira, e Jesús Espada, xefe da Área de Cultura da Delegación territorial da Xunta.  

A feira inaugúrase este xoves, día 1, ás 13.00 horas, e será a poetisa coruñesa Pilar Pallarés a encargada de ler o pregón. O acto de inauguración, como en edicións anteriores, será traducido á linguaxe de signos. 

Ademais das dúas carpas habilitadas polas persoas responsables das bibliotecas coruñesas, a feira contará con 33 casetas, tres institucionais, nove de editoriais e 21 de librarías. Serán once días cheos de presentacións, sinaturas, encontros con escritores, actividades para nenas e nenos, e encontros con ilustradoras/es. Serán máis de 236 actividades. E 330 escritoras/es e figuras do mundo das letras que darán a coñecer as novidades literarias e participarán en distintos coloquios. A feira contará coa presenza de figuras destacadas como Manuel Rivas, Domingo Villar e Carlos Bardem.  

A coordinadora da Federación de Librarías de Galicia agradeceu a colaboración das administracións públicas -Xunta, Deputación e Concello- e das entidades privadas. "Sen o esforzo de todos non sería posible celebrar esta Feira do Libro e poñela no lugar que lle corresponde como un dos eventos máis importantes e visitados da nosa comunidade", subliñou, ao tempo que pediu a concienciación da sociedade e que sigan achegándose á súa libraría. 

Para facilitar o acceso ao libro, dixo, os volumes adquiridos nas casetas contarán cun 10% de desconto. O mesmo que sucederá o Día das Letras  Galegas, e o Día do Libro que se celebra o 23 de abril. Ademais, durante a feira realizarase un sorteo diario dun lote de libros e outros premios.

Pola súa banda, o xefe da Área de Cultura da delegación territorial da Xunta na Coruña, Jesús Espada, sinalou que a Feira do Libro forma parte do programa de dinamización da lectura que desenvolve a Xunta de Galicia noutros 16 municipios. "O noso obxectivo é achegar a lectura aos grandes pero, en especial, ás e aos máis pequenas/os, con actividades atractivas", resaltou Espada, quen apuntou a necesidade de dinamizar o sector do comercio. "É necesario crear moita vida arredor dos libros, porque os libros transforman as cidades, hai que darlles vida na rúa".  

Para máis infirmación https://feiradolibrocoruna.com/ 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión