19 de outubro de 2023
A alcaldesa reuniuse hoxe coa vicepresidenta primeira do Goberno en funcións, na sede do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital
A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse hoxe coa vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos y Transformación Digital do Goberno en funcións, Nadia Calviño, un encontro que serviu para dar continuidade aos avances necesarios para a posta en marcha da Axencia Estatal para a Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) na Coruña.
Neste sentido, Rey valorou que a folla de ruta marcada "segue adiante e cumpríndose en base aos prazos previstos", toda vez que o Consello de Ministros aprobou a comezos de setembro os estatutos da AESIA, un documento que, ademais de ratificar ao histórico edificio da Terraza, en Méndez Núñez, como a sede da Axencia, tamén recolle as competencias, réxime económico-xurídico e a estrutura directiva e organizativa da Axencia.
Tras a aprobación destes estatutos, e tal como se plantexou cando se deu luz verde aos mesmos, "continuamos a traballar na creación do Padroado para xestionar a sede da AESIA na Coruña, que, como nos comprometemos, estará en marcha antes de finais de ano", subliñou a alcaldesa da Coruña, recalcando o exposto nos propios estatutos, que marcan que a posta en funcionamiento da axencia se producirá coa constitución do Consello Reitor nun prazo máximo de tres meses desde que entrou en vigor o Real Decreto, a comezos de setembro.
Inés Rey aproveitou a reunión para poñer en valor "o apoio e compromiso amosados polo Goberno central en funcións co obxectivo de avanzar na posta en funcionamento da AESIA, que permitirá que España sexa o primeiro país de Europa en contar cun organismo destas características, o que sitúa á Coruña en vangarda en termos científicos e tecnolóxicos".
A captación de fondos europeos por parte do Goberno municipal
No encontro desta mañá, Rey e Calviño tamén repasaron as convocatorias de fondos europeos ás que se presentou o Concello, subliñando a importancia desta financiación para impulsar medidas que contribúan a sostenibilidade e futuro das cidades.
No caso da Coruña, e como caso máis recente, o Goberno de Inés Rey obtivo a finais do pasado mes de abril 9,1 millóns de euros do Goberno estatal para financiar 17 proxectos de melloras urbanísticas que o Concello presentou á segunda convocatoria de fondos Next Generation. Todas as intervencións, xa licitadas, inclúen diversas obras e remodelacións nos barrios dos Mallos - A Sardiñeira, Agra do Orzán, Monte Alto, O Castrillón, Elviña, o Barrio das Flores, A Falperra, Eirís, a contorna de Santa Margarida e o polígono de Agrela.
Todos estes proxectos son cofinanciados tamén polo Concello, que aporta 3,1 millóns para posibilitar un investimento total de 12,2 millóns de euros nos barrios coruñeses.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible