Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xuño de 2019

Inés Rey, primeira alcaldesa da Coruña da democracia

Na sesión plenaria de investidura, a nova alcaldesa avogou por recuperar o diálogo social e por alcanzar un alto grao de consenso co resto de forzas da Corporación.

Inés Rey foi investida este sábado, 15 de xuño, primeira alcaldesa democrática da Coruña logo de obter 17 votos a favor dos membros da nova Corporación municipal (os 9 do PSOE, os 6 da Marea Atlántica e 2 do BNG), nunha sesión plenaria que foi seguida por centos de persoas dentro do propio Pazo de María Pita; e por outras moitas na praza ou mediante a retransmisión por internet. Pola súa banda, a concelleira popular Beatriz Mato, que tamén optou á Alcaldía, recibiu os 9 votos do seu partido, mentres que a candidata de Ciudadanos, Mónica Martínez, logrou 1 voto, o seu propio.

A nova alcaldesa comezou o seu discurso lembrando o fito histórico que supuxo na cidade a súa investidura: "Tiveron que pasar 40 anos para que sexa unha muller, unha coruñesa que nin sequera nacera daquela, quen teña a honra de recibir da man da súa veciñanza o cargo político máis relevante que existe e existirá no mundo: o de alcaldesa. Hoxe, por primeira vez na nosa democracia, unha muller é investida alcaldesa da Coruña. E quero e debo ser todas as mulleres desta cidade. Ser a alcaldesa de todas. E de todos. Todos os días. Todos os 8 de marzo, o de hoxe, o de mañá e os de sempre. Como o que agora, neste Salón de Plenos, celebra unha xornada histórica, que xusto por iso só podo comezar con humildade e agradecemento".

Tamén citou e lembrou a varias ilustres coruñesas como Teresa Herrera, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, Marcela Gracia e Elisa Sánchez, e a María Pita. "Todas perseguiron o seu soño. Todas loitaron por el. Imos seguir o seu exemplo. Quen teña honra, que me siga", sinalounos. Imos seguir tras ela. "Unha con todas, con todos...".

Na sesión plenaria de investidura, Rey avogou por recuperar o diálogo social e por alcanzar un alto grao de consenso co resto das forzas da Corporación. "E quéroo facer nunha cidade que alcanzou os seus mellores logros cando se uniu e superou diferenzas grazas ao consenso. Por iso, quero e traballarei para que este mandato municipal sexa o da amabilidade, o dos acordos. Demándanolo a cidadanía. E debémonos só a ela".

Entre as súas prioridades, deixou patente o seu proxecto de recuperación dos barrios. "Traballarei para que os nosos barrios recuperen o protagonismo que merecen, coa dinamización dos mercados, con novos servizos, con apoio ao pequeno comercio, con novos centros cívicos, para que volvan a ser espazos de convivencia, orgullo e sinal de identidade da nosa cidade".

Así mesmo, expuxo retos concretos como a súa aposta por unha cidade moderna: "Creo nunha Coruña que apoie e se apoie na nosa Universidade, na súa capacidade de innovación, na súa contribución ao desenvolvemento científico e tecnolóxico, ao progreso económico, ao ascenso social sobre a base do mérito, a capacidade, o talento. Creo nunha cidade que non deixe ninguén atrás. Creo nesta cidade como un modelo de éxito e por iso quero seguir loitando cos traballadores dos nosos sectores industriais ameazados, como o están os de ALCOA,  FERROATLÁNTICA e ISOWAT. E agora, xa como alcaldesa, defenderei os vosos postos de traballo e o voso futuro porque tamén é o futuro da nosa cidade".

Rey deixou patente a súa aposta decidida por levar a cabo unha serie de proxectos concretos que ve como imprescindibles para o crecemento da cidade. "Creo nunha cidade moderna na que se coiden os espazos públicos e onde apostemos por un urbanismo sustentable, a mesma cidade que foi capaz de debuxar o sorriso dunha das nosas baías e que agora temos o reto de facelo no outro costado co desenvolvemento da fachada marítima, deseñar esa cidade do futuro que é o legado que lles poderemos deixar ás próximas xeracións. E para iso será necesario desbloquearmos as grandes infraestruturas que están pendentes de executar, como a conexión por tren a Langosteira, a rede viaria 18 ou a estación Intermodal, entre outras. Todas elas son imprescindibles para que esta cidade recupere o liderado económico e social".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión