21 de setembro de 2026
A alcaldesa participou xunto á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer na lectura dun manifesto que reivindica a dignidade, a equidade e os investimentos en investigación médica para retrasar o avance da enfermidade
A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe, acompañada da concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, e o concelleiro de Infraestruturas, Jesús Celemín, na lectura do manifesto do Día Mundial do Alzheimer. O acto, que tivo lugar fronte á igrexa de San Andrés, contou tamén coa presenza doutros membros da corporación municipal, da deputada provincial Silvia Longueira e da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFACO), representada pola súa tesoureira, Inés Hervada Vidal. Xunto coa lectura procedeuse á inauguración dun novo banco na zona conmemorando os pacientes e quen fan todo por coidalos.
No encontro, a alcaldesa reivindicou a importancia social dos coidados dentro e fóra do ámbito familiar e a loita por mellorar a calidade de vida dos pacientes da enfermidade coa colaboración das institucións e o investimento de recursos públicos non só na asistencia persoal senon tamén na investigación para achar tratamentos que atrasen o máximo posible o avance dos efectos.
"O alzhéimer é unha realidade dolorosa para moitísimas familias. E é unha realidade da que ninguén está a salvo. Aínda non podemos facelo desaparecer. Pero hai algo que si podemos facer: acompañar, coidar, estar e coller a man da persoa que se afasta", apuntou Inés Rey.
Ademais, Rey tamén recordou que o Concello inviste máis de 10 millóns de euros anuais á atención das persoas maiores e en situación de dependencia, garantindo asistencia e unha vida digna a centos de veciños e veciñas, e reivindicou "o traballo dos profesionais que coidan con dedicación de quen o precisa".
No ámbito dos recursos públicos e a colaboración co tecido asociativo, Rey lembro que "o Concello mantén con AFACO desde fai anos un convenio para financiar o servizo de respiro familiar e o apoio á promoción da autonomía das persoas afectadas pola enfermidade de Alzhéimer. É o apoio concreto para que as familias non afronten soas os coidados e para que as persoas afectadas poidan manter a súa autonomía durante o maior tempo posible".
O texto do manifesto reivindica o reforzo das axudas os coidados e a investigación, ademais da mellora das condicións dos traballadores e traballadoras que coidan dos pacientes, ademais de garantir o principio de equidade no acceso a recursos e tratamentos para que o factor económico non sexa un impedimento para poder convivir de forma digna coa enfermidade.

28 de xullo de 2026

22 de xullo de 2026

15 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible