13 de xullo de 2023
A alcaldesa e o concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, reuníronse esta mañá co equipo directivo do grupo empresarial, que conta con instalacións industriais no polígono de Agrela
A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, reuníronse esta mañá co equipo directivo do grupo empresarial Resonac Graphite Spain, con instalacións no polígono de Agrela.
No contexto desta visita, Rey e Lage coñeceron de primeira man os plans de expansión da compañía, así como o traballo que se está a desenvolver no recinto industrial, onde traballan algo máis de 180 persoas e está instalada unha planta de produción de electrodos de grafito.
A alcaldesa recalcou "o compromiso e vontade de colaboración do Goberno municipal con Resonac, para continuar avanzando cara a proxectos de desenvolvemento caracterizados pola súa sostibilidade e seguridade", e destacou "a solidez dun proxecto industrial de futuro e progreso para A Coruña". "Estamos convencidos de que as futuras iniciativas xerarán máis postos de traballo na cidade, estables e de calidade", agregou Inés Rey.
A este respecto, a alcaldesa lembrou que a Xunta de Goberno Local xa aprobou, a mediados de outubro de 2022, a concesión de licenza a Resonac Graphite Spain para executar as obras de instalación dun forno de recocción de electrodos na parcela que ocupa o grupo industrial nas inmediacións da estrada de Baños de Arteixo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible