29 de decembro de 2016
Os policías localizaron a dous homes que coincidían coa descrición facilitada polo vixilante de seguridade que os estaba observando polas cámaras, polo que procederon á súa identificación.
Ás 04.15 horas do día 29, unha patrulla da Policía Local foi requirida pola Sala do 092 para que se trasladase á rúa Manuel Murguía, onde ao parecer, segundo a chamada do vixilante de seguridade da Casa da Auga, dous individuos estaban a manipular unha bicicleta de propiedade municipal, ancorada á súa base na citada rúa.
Unha vez no lugar, os axentes observaron que a unha das bicicletas faltáballe o manillar e a potencia que o une co cadro, ao mesmo tempo que outra patrulla que acudira en apoio, procedía a identificar a dous mozos que se correspondían coas características que facilitara o vixilante de seguridade.
Estas persoas foron recoñecidas sen dúbida polo vixilante indicando que todo iso observouno a través das cámaras de vídeovixilancia e que tiña a gravación dos feitos por se fose necesaria a súa achega.
Os policías localizaron o manillar subtraído a poucos metros do lugar da identificación, e requisáronlles así mesmo a estas persoas a potencia da bicicleta así como unha bolsa con ferramentas diversas, tales como alicates de varios tipos e unha ferramenta multiusos con varias chaves.
As persoas identificadas resultaron ser dous homes, de 33 e 34 anos, ambos de nacionalidade grega e veciños desta cidade. Comunicóuselles que estes feitos ían ser postos en coñecemento da autoridade xudicial correspondente.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible