Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de setembro de 2016

IX Travesía a nado Coruna 10000, 24 e 25 setembro 2016

IX Travesía a nado de longa distancia A Coruña 10000 e I Coruña 5000 - 2016

10 km de Travesía a nado en augas abertas. O reto Oceánico. Nada o perímetro marítimo da cidade: praia do Orzán á Dársena da Mariña.

21 de setembro de 2016

Publícase a listaxe definitiva de persoas nadadoras admitidas para as probas da IX Travesía a nado Coruña 10000 e da I Travesía a nado Coruña 5000.

Lista defintiva persoas admitidas

 

l3 de setembro de 2016

Publícase a listaxe provisional de nadadores/as admitidos/as para as probas da IX Travesía a nado Coruña 10000 e da I Travesía a nado Coruña 5000.

Para consulta, corrección de erros, e máis información coruna10000@coruna.es

Listaxe provisional de admitidos/as

 

18 de agosto de 2016

Organizan: Concello da Coruña e Club Natación Coruña

Colaboran: Autoridade Portuaria, Capitanía Marítima, Garda Civil do Mar. Federación Galega Natación. Asociación de Amigos Juan de Lángara, Club de Pesca Deportiva Salmo, Club do Mar de San Amaro, Club Marítimo de Oza O Puntal, Club Vela Playa de Oza, Sociedade Deportiva As Xubias, Cruz Vermella Española, Real Club Náutico Coruña.

Preciosa travesía atlántica arredor do faro milenario A TORRE DE HÉRCULES, onde o mar e as condicións meteorolóxicas tan cambiantes, fan que esta proba destaque pola súa dificultade, beleza e espírito deportivo.

Un ano máis, o gran reto entre a natación, o adestramento, a orientación. Nadadores e nadadoras ante a súa propia odisea atlántica.

A dureza desta proba é precisamente a gran beleza desta travesía, ningún tramo é igual, as correntes, o vento, a dirección das ondas faranche estar alerta en todo momento e faranche ir axustando a estratexia de nado... porque o importante é chegar e poder dicir: FÍXENA!

Atrévete, ven e goza das nosas augas, abertas de verdade.

Non todo o mundo pode nadala. Non todos chegan. Vive o desafío desta competición: terminar. E o mellor premio, só para quen consegue alcanzar a meta, a súa camiseta.

Ven, nádaa, termínaa, e consíguea.

BASES: (Extracto)

1. Perfil da travesía:

  1. Proba: Travesía a nado de longa distancia A Coruña 10.000
  2. Distancia total: 10 quilómetros
  3. Número de participantes limitado a 120. Superado o límite establecerase unha quenda de espera.
  4. Parciais:
    • Saída Praia Orzán
    • Baliza A: Baixo Pereiro
    • Baliza B: Baixo Boi
    • Baliza C: Punta Herminia
    • Baliza D: Punta Pragueira
    • Baliza E: Enseada de San Amaro - Punta da Estrada
    • Baliza F: Punta Dique de Abrigo
    • Baliza G: Castelo de San Antón
    • Baliza H: Martelo
    • Chegada Rampla de Dársena da Mariña
  5. Saída: praia do Orzán
  6. Chegada: enseada da Dársena da Mariña
  7. Estableceranse percorridos alternativos por se fose necesaria a modificación do itinerario por motivos de seguridade.

 

2. Perfil da Travesía da Coruña 5000

  1. Proba: Travesía a nado de longa distancia A Coruña 5000
  2. Distancia total: 5 quilómetros
  3. Número de participantes limitado a 60. Superado o límite establecerase unha quenda de espera
  4. Parciais:
  5. Baliza E: Enseada de San Amaro - Punta da Estrada
  6. Baliza F: Punta Dique de Abrigo
  7. Baliza G: Castelo de San Antón
  8. Baliza H: Martelo
  9. Chegada Rampla de Dársena da Mariña
    1. Saída: Enseada de San Amaro
    2. Chegada: Enseada da Dársena da Mariña
    3. Estableceranse percorridos alternativos por se fose necesaria a modificación do itinerario por motivos de seguridade.

3. Preinscrición: formulario de solicitude na páxina web municipal: www.coruna.es/deportes ou nas oficinas do Servizo Municipal de Deportes, desde a data de publicación na páxina web municipal ata o 12 de setembro de 2016 ás 14.00 h, ambos inclusive.

4. Organización da proba.

4.1. Dirixido a:

4.1.1 Maiores de 18 anos

4.1.2 Ter 16 anos cumpridos o día da competición, coa condición de que: sexan federados pola Federación de Natación correspondente, con autorización escrita e asinada polo seu pai/nai ou titor/a e adestrador/a do club ao que pertenzan. O/a pai/nai ou, se é o caso, titor/a e o/a adestrador/a, co visto e prace da Federación, deberán declarar que o/a menor de idade está capacitado/a para realizar a proba tendo en conta as bases da convocatoria e as características dunha travesía atlántica; comprometéndose a presentar o certificado segundo as bases convocatoria, que se entregará no documento orixinal asinado polo/a pai/nai ou, de ser o caso, titor/a e o/a adestrador/a o sábado 24 de setembro (achégase o documento como anexo 1).

4.2. Compromiso de responsabilidade e seguridade: Todos os nadadores e nadadoras participantes deberán asinar o compromiso de responsabilidade e seguridade (anexo 1). Deberá entregarse persoalmente o orixinal asinado o sábado 24 de setembro. A persoa solicitante e -de ser o caso- o seu responsable legal manifestará ser certos os datos declarados. No suposto do que o Servizo Municipal de Deportes detecte falsidade nos devanditos datos, poderá dar de baixa da proba ao nadador/a e non se lle permitirá a participación. Neste caso, o Servizo Municipal de Deportes non se fará responsable dos posibles danos ou prexuízos ocasionados, nin se procederá á devolución do importe da cota de inscrición.

4.6 Selección dos grupos: Para a formación dos grupos de saída de nivel similar será necesario que cada nadador inscrito realice un test de maneira individual de tres mil metros en piscina de auga doce e sen traxe de neopreno, e facilite o resultado á organización na folla de inscrición. O test consiste en realizar o mellor tempo posible nos tres mil metros, non ao ritmo de travesía. O tempo haberá que especificalo en minutos e segundos.

4.11 A Federación Galega de Natación (FGAN) actuará de colaboradora e mediadora no desenvolvemento técnico deportivo da competición. A FGAN, para aquilo que non quede establecido nesta convocatoria, aplicará as normativas federativas en uso.

4.12 A cronometraxe será electrónica, todas as persoas participantes levarán o chip correspondente. A organización entregará o chip con toda as demais documentación e equipamento o día 26 de setembro no lugar e hora establecido no punto 6.1. Todas as persoas participantes deberán devolver o chip ao terminar a competición, se algún participante non o devolvese reclamaráselle o seu importe.

4.13 Asociación de Amigos Juan de Lángara, Club de Pesca Deportiva Salmo, Club do Mar de San Amaro, Club Marítimo de Oza O Puntal, Club Vela Playa de Oza, Sociedade Deportiva As Xubias, Cruz Vermella Española, Protección Civil da Coruña, Real Club Náutico Coruña, actuarán de colaboradores no desenvolvemento técnico de seguridade durante a competición.

4.15 Peche da proba:

O peche da competición Coruña 10000 será ás 13.00 horas. Os nadadores e as nadadoras que non estean na área denominada "martelo" a partir do Castelo de San Antón serán subidos ás embarcacións de apoio.

O peche da competición Coruña 5000 será ás 13.30 horas. Os nadadores e as nadadoras que non estean na área denominada "martelo" a partir do Castelo de San Antón serán subidos ás embarcacións de apoio

4.15 Embarcacións de apoio. O seu labor será velar pola seguridade da proba.

4.16 O acompañamento realizarase con lanchas neumáticas, embarcacións da Cruz Vermella do Mar, Protección Civil, Real Club Náutico, Servizo Municipal de Deportes, e a Garda Civil do Mar.

4.17 As embarcacións de seguridade serán as designadas e rexistradas pola organización. Non se permitirá que ningunha outra embarcación acompañe a ningún/a nadador/a durante a travesía.

4.18 Avituallamento: irá a bordo das embarcacións designadas, na enseada de San Amaro.

5. Protección Medio Ambiente: Os residuos deberán ser depositados nas embarcacións de apoio, prohibindo a súa vertedura no mar. A vertedura de residuos ao mar será penalizado con 20 minutos sobre o tempo realizado polo/a nadador/a.

6. Neopreno: É obrigatorio o uso de traxe de neopreno ou outro material que protexa do frío e polo tempo de permanencia en auga. Non se permite ningún outro equipamento que lle poida axudar á  persoa participante.

7. Axenda:

7.1. Sábado 24 de setembro: Recollida de credenciais persoalmente pola persoa participante para a competición. Deberá presentar DNI. Lugar: Hotel NH Finisterre (Paseo do Parrote, 2-4.)

  • 19.00 horas: Benvida ás persoas participantes. Explicación do plan de seguridade da proba.
  • Os/as nadadores entregarán o compromiso de responsabilidade e seguridade en orixinal asinado, así como as autorizacións no caso das persoas menores de idade segundo anexo 1.
  • A organización, logo da previa recollida da documentación anterior, informará das medidas de seguridade e percorrido, entregará as normas, credenciais, mapa, gorro, bolsa para gardarroupa e detalles para as persoas participantes.

7.2. Domingo 25 de setembro: Competición

  • 08.20 horas: concentración participantes en punto de encontro: peirao Almirante Vierna
  • 08.30 horas: saída desde o punto de encontro á praia do Orzán
  • 09.00 horas: saída do primeiro grupo
  • 09.20 horas: saída do segundo grupo
  • 09.40 horas: saída do terceiro grupo
  • 11.00 horas: saída do 5000 desde a praia de San Amaro
  • 14.30 horas: comida participantes e entrega de premios

8. Inscrición

8.1. As datas de preinscrición serán ata o 12 de setembro, publicándose a listaxe de admitidos a partir do 14 de setembro.

8.2. Para a participación na proba deberán entregar o compromiso de responsabilidade e seguridade en orixinal asinado, así como as autorizacións no caso dos menores de idade segundo anexo 1 e aboar 45 € en concepto de apoio á seguridade e organización da competición. O pago deberase efectuar nun prazo máximo de 48 h a partir da inscrición na web municipal. Deberase remitir a coruna10000@coruna.es xustificante de ingreso escaneado ou en pdf. En caso de non realizar o ingreso no prazo establecido entenderase que renuncia á inscrición.

8.3. Aboar 45 € en concepto de apoio á seguridade e organizacion da competicion.

8.3.1. O pago deberase efectuar nun prazo máximo de 48 horas, a partir da inscrición na web municipal. Debera remitirse a coruna10000@coruna.es o xustificante en PDF ou escaneado. En caso de non realizarse o ingreso, no prazo indicado, darase como entendido que renuncia á inscrición.

8.3.2 Inclúe:

  • Participación na proba
  • Asistencia durante a proba
  • Traslado á zona de saída
  • Avituallamento durante e despois da proba
  • Detalles ás persoas participantes
  • Seguro de accidentes
  • Comida e acto de entrega de trofeos

8.3.3 Número de conta: o aboamento debe ser persoal e estar a nome do/da nadador/a indicar en concepto claramente "CORUÑA 10000"

 

  • HOTELERA NOROESTE SA
  • ES93 2100 87 4050 0200249058 - CAIXA BANK
  • Concepto: Coruña 10000 - apelidos, nome do nadador/a

 

9. Imprevistos: a organización resérvase o dereito de modificar horarios, lugar de balizamentos etc. e mesmo de suspender a proba, todo isto en prol da seguridade.

10. Travesía alternativa: se as condicións climatolóxicas fosen tan adversas que obrigasen á organización para suspender esta travesía poderanse realizará unha desta dúas travesía alternativas:

10.1. Opción B: Dársena da Mariña - Enseada de San Amaro- Dársena da Mariña

10.2. Opción C: Dársena da Mariña - Porto da Coruña - Dársena da Mariña

11. Acompañamento por mar, asistencia ao acto de entrega de premios: O Club Natación Coruña facilitará a adestradores, familiares e achegados poidan solicitar acompañamento por mar e asistencia ao acto de entrega de premios.

(Lembramos que este é un extracto das bases. Documento completo delas no pé da noticia, en contidos relacionados).

INSCRICIÓNS: (preme no acceso a formularios de inscrición e reserva)

Inscrición para nadadores/as 10000 (no formulario indicar tempo dos 3000 m e talle da camiseta)

Inscrición para nadadores/as 5000 (no formulario indicar tempo dos 3000 m e talle da camiseta)

Lista de espera nadadores/as 10000  

Lista de espera nadadores/as 5000 

Lista provisional de admitidos/as 

Máis información ou consultas dirixirse a: coruna10000@coruna.es

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión