Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de xuño de 2016

José Manuel Sande destaca a "convivencia de distintos modelos de xestión cultural na Coruña" durante a presentación da nova edición do festival de fotografía Visions, "unha iniciativa da propia comunidade creativa"

O responsable municipal de Culturas destaca a oportunidade de “contribución" da institución “sen tutelaxes” ao proxecto, que inclúe por vez primeira un concurso de fotografía aberto a todos os públicos

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a nova edición do festival de fotografía Visions, que terá lugar entre os días 19 e 21 de agosto. A iniciativa, promovida polo Colectivo 15001, naceu no ano 2013 obxectivo de achegar a fotografía á cidadanía e dinamizar espazo público na Cidade Vella a través da actividade creativa. O concelleiro salientou o respaldo do Concello a unha proposta "de xestión cidadá", que nace "dunha iniciativa que provén da propia comunidade creativa". "Este Goberno local ten un reto por diante, que é resolver a relación co tecido cultural coa cidade e as súas distintas plasmacións", expuxo Sande, "polo que pretende favorecer a convivencia de distintos modelos de xestión cultural". Neste sentido, o responsable municipal sinalou que Visions "é un exemplo" de iniciativa "de como o Concello pode acompañar" as propostas cidadás "sen caer en tutelaxes nin dirixismos". A cuarta edición do festival, na que se realizarán distintos obradoiros e actividades gratuítas e abertas á participación cidadá, contará por vez primeira cunha arista convidada, a fotoxornalista Bandía Ribeira, gañadora Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado.

Nun avance da programación desta edición, o seu coordinador, Marcos Ferreiro, sinalou que este ano se realizarán distintas actividades gratuítas "na rúa, sempre que o permita a meteoroloxía", para fomentar "a participación cidadá", e complementarias á presentación dos traballos das e dos fotógrafos, "que se fai dunha forma lixeira e cómoda a través de proxeccións" no espazo público. Entre outras actividades, profesionais como Javier Trigales ou a propia Bandía Ribeira ofrecerán distintos talleres ás e aos asistentes; realizaranse debates, obradoiros de fotografía analóxica e revelado ou de encadernación artesanal; un mercado popular de venda e intercambio de elementos do universo da fotografía e o Fotocircus, o obradoiro de fotografía analóxica dirixido ao público infantil que este ano dirixirá Alberto López, profesor do CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo). Ademais, e desde o 12 de agosto, exhibiranse 5 mostras en papel en distintos espazos da Cidade Vella: Morte Terra, de Matteo Bertolino; Prospekt Moskow, de Simone Maestra; Latexos, de Luis Botana, Life is great, without it you'd dead, de Bandía Ribeira; e unha escolma da obra de Yorgos Karalia.

Unha das novidades principais desta cuarta edición será a posta en marcha dun concurso de videografías "para facilitar a súa exhibición en distintas localizacións da Cidade Vella", sinalou Alberto Pombo, un dos promotores de Visions. A iniciativa, de temática libre, é aberta a todo o público, en especial a todas aquelas persoas con interese nesta disciplina, sexan profesionais ou non. Os proxectos presentados deberán ser orixinais, ter unha duración máxima de 3' 30''', ter como formato o vídeo mp4 codec H264 e deberán enviarse, desde mañá, 18 de xuño, até o vindeiro 1 de agosto, á dirección premio@visionsfest.net. Un xurado escollerá 12  traballos finalistas, que serán proxectados os días 19 e 20 de agosto e estarán publicados na web do festival, onde mediante votación popular, serán escollidos os proxectos gañadores.

O festival realizará na noite de mañá, a partir das 21 horas, unha presentación aberta ao público na praza de Santa María, na que se proxectarán traballos de artistas que formaron parte da programación nas anteriores edicións, e actuarán Jauja e Daria Ruzaykina.  

Para máis información sobre Visions, pode consultarse a páxina web do festival, www.visionsfest.com

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión