20 de xaneiro de 2016
A concelleira de Medio Ambiente participou hoxe nunha reunión en Vigo con representantes doutros concellos de Galicia e Norte de Portugal para abordar as liñas de colaboración que se abrirán para apoiar accións relacionadas coa sostibilidade local
A Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico vén de seleccionar os dous proxectos presentados polo Concello da Coruña para recibir o apoio deste ente, e que teñen que ver coa Estratexia Contra o Cambio Climático e co Plan de Acción de Festas Sostibles. A concelleira de Medio Ambiente, María García, participou na mañá deste mércores nun encontro na sede desta Axencia con representantes doutros concellos de Galicia e Norte de Portugal que foron aprobadas nesta primeira fase do proceso polo que o ente elixe aqueles proxectos relacionados coa sostibilidade local que considera prioritarios nas súas liñas de colaboración con entidades municipais. O ente prestará apoio no seguimento, implantación e busca de financiamento para os proxectos. Ademais da concelleira da Coruña, á xuntanza asistiron representantes dos concellos de Santiago e Ourense, da Deputación de Lugo, e representantes doutras localidades como Cavaleiros, Chaves, Monforte, Maia, Vilarreal ou Vilagarcía.
En canto aos proxectos, a concelleira de Medio Ambiente salientou que a Axencia valorou de forma moi positiva a diagnose realizada polo Concello sobre a sostibilidade dos eventos incluídos na programación das Festas de María Pita 2015, e avanzou o seu apoio cara ao plan de acción deste ano. A colaboración na outra liña de acción, relativa á estratexia contra o cambio climático, servirá, como indicou a edil, para apoiar a Oficina Municipal Contra o Cambio Climático na supervisión e informe de evolución do cumprimento dos obxectivos do Pacto dos Alcaldes contra o Cambio Climático e o seguimento e apoio ao cumprimento da propia estratexia, a través da análise das liñas de financiamento en 2016 para a implantación dos proxectos ligados á mesma.
As liñas de actuación impulsadas desde o Goberno local e propostas á Axencia de Ecoloxía Urbana son, en palabras da responsable municipal de Medio Ambiente, “prioritarias para a concellería, para intentar lograr que todas as actividades do Concello se desenvolvan con criterios de sostibilidade, xeren o menor impacto ambiental posible e, ademais, sexan exemplares na súa xestión, cara a conseguir unha cidade máis respectuosa co medio ambiente e orgullosa na súa protección a través das accións cotiás”. Neste sentido, García saudou a liña de colaboración e apoio que se abre neste eido entre o Concello e a Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible