Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de xuño de 2017

A Agrupación Musical Albéniz abre o 1 de xullo un ciclo de seis concertos, co apoio do plan municipal dirixido a Entidades de Arraigo

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, participou hoxe na presentación das actividades musicais, que se sucederán nos meses de xullo, agosto e setembro e rematarán en decembro cun concerto de Nadal

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou este venres na presentación da programación da Agrupación Musical Albéniz para a segunda metade de ano que, como salienta o responsable municipal, vén respaldada polo Concello a través do Plan de Apoio a Entidades de Arraigo, dirixido a ampliar o marco da programación cultural da cidade e prestar apoio á actividade de asociacións, agrupacións e colectivos asentados e relacionadas coa cultura tradicional. Neste caso, o ciclo dará comezo o vindeiro 1 de xullo, cun concerto que terá lugar no centro cívico da Cidade Vella ás 12.00 horas e que, como sinalou esta mañá o presidente da Agrupación, Rafael Vázquez, reunirá á orquestra principal da Agrupación e o grupo de voces cos nenos e nenas da escola de música da entidade, chamada Severiano Estévez "en homenaxe á figura deste profesor, moi relevante para varias xeracións de intérpretes de instrumentos de pulso e púa".

O ciclo continuará en xullo, cunha actuación, que, como indican desde a Agrupación, responde á  habitual colaboración cos Dominicos, e proseguirá en agosto con dúas datas dentro de programa das festas de María Pita. En setembro, haberá un concerto na Casa Museo Casares Quiroga, en continuidade co que, segundo pon de relevo o director da Albéniz, Ramón Carnota, xa se ofreceu o pasado ano na Casa Picasso. Por último, as actuacións vinculadas ao Plan de Apoio a Entidades de Arraigo péchanse en decembro, cun concerto de Nadal.

A convocatoria desta mañá serviu tamén á entidade para adiantar o plantexamento das súas actividades de cara ao seu 90 aniversario, que se cumpre no 2018 e que, como avanzou o seu presidente, terá un formato "aberto e participativo, con algunhas actividades especificamente musicais pero, sobre todo, cunha apertura á xente que queira compartir o aniversario e as sensibilidades culturais da cidade". A ese fin, a agrupación proxecta abrir a colaboración o seu espazo da praza de Azcárraga, na Cidade Vella, tanto para as persoas integrantes na entidade como para as que non o son, "para facer do local un espazo máis de referencia na Coruña onde as actividades se sucederán durante todos os meses do ano en colaboración con outras entidades, facendo comunidade cultural e abríndoa a todas as franxas de idade", destaca Rafael Vázquez.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión