28 de maio de 2015
A cita deste domingo reunirá máis de 3.000 participantes sumando a carreira absoluta, as de menores e os integrantes da marcha. Todos eles poderán gozar dunha serie de servizos para facilitar o maior goce dun día deportivo e solidario.
A carreira “En marcha contra o cancro” acudirá fiel á súa cita este domingo 31 de maio, reunindo máis de 3.000 participantes en total, un novo récord de participación nesta quinta edición, seguindo a liña do resto de probas da cidade.
Para garantir as maiores facilidades a todos os seus corredores, o Club do Corredor e a Asociación Española Contra o Cancro na súa delegación coruñesa, así como o propio Concello, poñerán a disposición dos inscritos unha serie de servizos. As carreiras, dende a categoría Absoluta ata Pitufos terán saída nas inmediacións do Palacio dos Deportes de Riazor.
As persoas participantes poderán recoller os seus dorsais este venres día 29 dende as 17.00 ata as 21.00 horas no Palacio dos Deportes de Riazor, o sábado de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 h, e o domingo dende as 10.00 h e ata unha hora antes do inicio de cada carreira. Para a marcha solidaria aínda será posible inscribirse de forma presencial, durante o venres e sábado, neses mesmos lugares e horarios. Durante esa entrega de dorsais, as persoas participantes poderán asinar o seu apoio á fibromialxia, na mesa instalada para ese efecto.
Lembramos que por medio do chip de Championchipnorte e do código QR no dorsal, todos os corredores poderán coñecer o seu tempo ao finalizar a carreira. Ademais, poderán visionar o vídeo da súa chegada posteriormente. Os participantes que alugasen o chip unicamente para esta competición deberán depositalo ao final da carreira nas zonas habilitadas para iso e que estarán debidamente sinalizadas.
Para ofrecer as maiores facilidades para os corredores, haberá un servizo de roupeiro, cuxo horario será de 10.00 a 13.00 h no Palacio dos Deportes de Riazor, que xunto á Piscina Municipal, será tamén o lugar onde se establecerá o servizo de duchas ao final da carreira. Despois do esforzo, todos os corredores recibirán avituallamento sólido por cortesía de Horno SanBrandan, Eroski e Gadis, e líquido, grazas a Coca Cola.
Para facilitar que todos os membros da familia poidan participar, ofrecerase un servizo de ludoteca no Frontón de Riazor, dirixido a idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, e con horario comprendido entre as 10.00 e as 12.15 horas. Neste espazo realizaranse actividades de lecer deportivo dirixidas por monitores e tamén se instalarán inchables.
Con respecto ás carreiras de menores, todas as persoas participantes recibirán unha medalla conmemorativa por participar na proba. Na proba de Pitufos, nacidos de 2008 a 2011, estableceranse tantas quendas de saída como sexa necesario e separaranse por dorsais de cor o ano de nacemento dos diferentes corredores. Estes esperarán en caixóns de saída cerrados e controlados por monitores ata o momento no que teñan que ser conducidos á liña de saída.
Como complemento final, e grazas á colaboración de Supera e os seus monitores do Complexo Deportivo Municipal de San Diego, durante toda a mañá levarase a cabo unha animación con actividades dirixidas de zumba, co fin de amenizar os quecementos antes da carreira e a marcha, así como os momentos de espera ata a entrega de trofeos.
Multitude de servizos para os máis de 3000 participantes que sairán da liña de saída este domingo e que puxeron o seu gran de area por unha boa causa. Poste #Enmarchacontraelcáncer?

2 de decembro de 2025

30 de novembro de 2025

27 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible