6 de abril de 2016
José Manuel Sande sinalou que a falta recoñecemento sobre a intérprete é parte “moi simbólica do proceso de desantención das raíces e consecuencias da Guerra Civil”
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou hoxe as actividades que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) desenvolverá a partir de mañá en torno á figura de María Casares con motivo do vixésimo aniversario do seu pasamento. A Casa Museo Casares Quiroga, a residencia onde a intérprete coruñesa pasou a súa infancia, acollerá un coloquio e un recital que xirarán arredor da actriz. A actividade, que enlaza coa idea do Goberno local de impulsar e dinamizar as Casas Museo municipais, reforzará “a presenza desta recoñecida, reputada e prestixiosa intérprete coruñesa internacional”, expuxo Sande, no espazo familiar da rúa Panaderas. O edil sinalou que o actual executivo coruñés considera “importante” ampliar a información sobre María Casares, “non tan abundante como gustaría”, explicou, “por ser unha figura do exilio vinculada á progresía, ao republicanismo e ao existencialismo”. “Nalgúns sectores da arte e da cultura está mitificado o exceso de atención pola Guerra Civil, coma se fora un tema que estivera suficientemente tratado, cando quizáis non se indagou tanto nas súas raíces e nas súas consecuencias. Casares é parte, moi simbólica, deste proceso de desatención”, vencellou o concelleiro, á “falta de información e proxección” da figura da intérprete a nivel local e estatal.
Deste xeito, mañá xoves, 7 de abril, a biblioteca da Casa Museo Casares Quiroga acollerá un coloquio sobre a figura da intéprete coruñesa no que se analizará o seu plano humano, vital e político. O encontro, denominado María Casares. Voces dun retrato, contará coa participación do historiador Emilio Grandío, a xornalista Arancha Estéveze a investigadora María Lopo. O xornalista e escritor Alberto Ramos será o encargado de conducir o coloquio, presentado pola actriz e vicepresidenta da AAAG, Mabel Rivera.
A vindeira cita será o mércores 13. O museo da rúa Panaderas acollerá o recital A Poesía de María, acto no que catro actrices recitarán unha escolma de poemas que marcaron a María Casares. Sabela Hermida, Rebeca Montero, Manuela Varela e Amalia Gómez, baixo a dirección de Lino Braxe, serán as responsables da lectura de versos de Rosalía de Castro, Lorca, Curros, Alberti ou Rimbaud.
Durante a presentación das actividades, nas que tamén estiveron presentes o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) Jacobo Sutil, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, Mabel Rivera amosou a súa satisfacción pola programación dos encontros. “Xa era hora de traer de volta á Coruña a María Casares, e que mellor que traer a súa memoría a súa casa”, afirmou. A intérprete saliendou o carácter e “proxección pública” que adquirirá María Casares a través da realización das actividades. “É unha figura con moitos aspectos, todos fundamentais”, explicou a vicepresidenta da AAAG, “e interésanos reivindicar a súa figura como actriz de proxección internacional, pero tamén a súa vertente como muller exiliada”.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible