Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de novembro de 2019

A concelleira de Benestar Social reivindica a figura das e dos logopedas no ámbito sanitario e educativo

A concelleira Yoya Neira asistiu esta mañá á presentación das II Xornadas Internacionais do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia que se realiza hoxe e mañá na Facultade de Ciencias da Educación

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, asistiu esta mañá á presentación das II Xornadas Internacionais do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia que hoxe e mañá se realizan na Facultade de Ciencias da Educación da universidade coruñesa. Durante a súa intervención, a concelleira reivindicou a figura das e dos logopedas no ámbito sanitario e educativo e demandou unha maior presenza deste persoal profesional nos hospitais galegos.

Neira denunciou a falta de logopedas no sistema sanitario galego que dispón tan só de 17 logopedas en toda Galicia cando, segundo os criterios profesionais, falan da necesidade de contar cun logopeda por cada 60.000 habitantes. As administracións teñen que garantir o acceso igualitario a todos estes servizos sociosanitarios, apuntou. "Atopámonos moi por baixo deste cociente", advertiu a concelleira, quen sinalou a falta de apoio a un colectivo que realiza un traballo imprescindible "no proceso de rehabilitación das persoas que por causa dunha enfermidade ou accidente perden a súa capacidade para se comunicaren".

A concelleira felicitou as persoas responsables do colexio por realizar unhas xornadas que "servirán para poñer en valor o voso traballo, para reivindicar un labor silencioso" e comprometeuse a traballar desde a súa concellería para que as súas reivindicacións fosen atendidas.

Destacou que o seu labor é esencial en hospitais, pero tamén necesario en centros de día, residencias de anciáns e centros para persoas con discapacidade. "Hoxe en día ninguén dubida da importancia que teñen tanto a detección precoz como a intervención temperá en calquera trastorno da linguaxe" sinalou Neira.

A concelleira avoga porque a figura da/o logopeda estea presente nos colexios "para traballar man a man co profesorado de audición e linguaxe tamén con pouca presenza nas aulas da nosa cidade, a pesar das innumerables protestas de docentes e familias".

A temática das xornadas centrarase na terapia miofuncional, o trastorno específico da linguaxe e o dano cerebral adquirido. Ao final das xornadas presentarase o documental "Mujeres que dan la palabra" e entregaranse os premios Marisol Vaamonde aos mellores traballos presentados, que permanecerán expostos na facultade durante hoxe e mañá.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión