Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de febreiro de 2018

A concelleira de Facenda ve “un avance” nas concesións de Montoro sobre o superávit dos concellos, pero considérao “insuficiente para resolver o problema do financiamento local”

Eugenia Vieito, que hoxe debateu en Madrid nunha xuntanza na que estiveron presentes edís, alcaldes e alcaldesas de cidades de todo o Estado entende “que é preciso eliminar a regra de gasto e devolver a autonomía aos municipios”. “Non se pode considerar unha vitoria tomar medidas que impiden decidir en que investimos”, di

A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, acudiu esta mañá a unha xuntanza en Madrid, na que tamén participaron edís, alcaldes e alcaldesas de cidades do Estado con máis de 50.000 habitantes e que tiña por obxecto debater sobre a necesidade de que o Ministerio de Facenda permita aos concellos dispoñer do seu superávit de 2017 para novos investimentos. A representante municipal salientou que a proposta do departamento de Cristóbal Montoro "non é suficiente nin soluciona os problemas financeiros das administracións locais". "O ministerio propón un decreto lei para que os concellos poidan reinvertir o superávit do exercicio anterior en inversións financieramente sostibles, ampliando a definición actual dos mesmos. Non obstante, tanto dende A Coruña, como dende outros municipios presentes na citada reunión, como é o caso de Compostela, Zaragoza ou Cádiz, entendemos que esta proposta, se ben introduce melloras, non cumpre coas expectativas", indicou. "Os concellos, e especialmente aqueles que fan os seus deberes e teñen as súas contas saneadas, precisan de medidas que, realmente, solucionen os problemas de financiamento das administracións locais", dixo. "A presión dos concellos do cambio contra as limitacións do uso do superávit establecidas por Montoro empeza a traducirse en avances, pero aínda queda moito na recuperación e a defensa da autonomía municipal. Os concellos seguimos sen poder decidir a que destinamos os aforros conseguidos pola nosa xestión", insistiu.

O goberno central comprometeuse cos concellos a aprobar contra finais de marzo un real decreto que permitirá reinvestir os remanentes municipais sen necesidade de esperar aos orzamentos xerais do Estado. "Isto permitirá executar os investimentos financeiramente sostibles, aínda que é preciso seguir presionando para poder decidir libremente onde destinamos o superávit municipal", apuntou. Por outro lado, a titular de Facenda salientou a importancia de "eliminar a regra de gasto que asfixia aos concellos, así como as trabas á reposición de persoal". "As administracións locais levamos anos perdendo persoal debido a unhas taxas de reposición tan limitadas que nos impiden, en moitas ocasións, prestar servizos públicos coa calidade necesaria", manifestou.

Vieito incidiu en que "ademais de todas estas cuestións, semella que os concellos non terán ningunha compensación pola modificación prevista do imposto da plusvalía". "Este gravame é un imposto establecido polo Estado que xestionan e ingresan as administracións locais. Trátase dunha importante fonte de ingresos para os municipios que se está a ver diminuída notablemente a consecuencia da sentenza do Constitucional", explicou a concelleira, que reivindicou a necesidade de que "se estableza algún tipo de compensación para os concellos".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión