Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de outubro de 2017

A concelleira de Medio Ambiente lamenta a traxedia provocada pola vaga de incendios e insta “a afrontar reformas profundas nas políticas forestais que dean solucións”

María García avoga por introducir medidas “como as que está a abordar o Concello da Coruña, que cuadriplicou o número de requirimentos para que os terreos dentro do Plan de Prevención de Incendios estean rozados e que fomenta a substitución das especies arbóreas máis inflamables”

A concelleira de Medio Ambiente, María García, lamentou hoxe a "traxedia de vidas humanas" que deixa tras de si a vaga de lumes que sofre Galicia, ademais das enormes perdas materiais, naturais e de carácter patrimonial. Ao fío, en declaracións á emisora Onda Cero, a representante municipal quixo agradecer "a solidariedade do pobo galego", e destacou "a actuación dos corpos de seguridade que colaboraron na extinción dos incendios, como é o caso, por exemplo, de Bombeiros da Coruña, e de toda esa xente que se botou ao monte para axudar ante a falta de medios". Non obstante, a edil quixo salientar a "imperiosa necesidade de que as políticas forestais deste país experimenten unha reforma profunda para tratar de atallar situacións como a que estamos a vivir". "Así o estamos a facer dende o Concello da Coruña, onde estamos a impulsar diversas medidas como fomentar a substitución de especies arbóreas máis inflamables ou o estado de fincas e solares", comentou, para destacar que "os requirimentos a este respecto emitidos dende o Concello a titulares privados das parcelas cuadriplicáronse dende 2014".

"Levamos falando décadas da situación do monte galego, pero a realidade é que aínda non rectificamos. Se as administracións competentes, especialmente a Xunta, non toman medidas serias, non poderemos ofrecer solucións. O cambio climático está a mudar o escenario. Vemos como as temperaturas se incrementan, hai máis periodos de seca e máis ventos. Con esta situación, tal e como estamos, non podemos superar os incendios", dixo a concelleira García, que aludiu ás últimas declaracións emitidas ao respecto dende a Fiscalía de Medio Ambiente. "Condenamos enerxicamente calquera tipo de acto incendiario, pero a realidade tamén é que o código penal non pode solucionar por si só o problema dos lumes, son necesarias políticas profundas e reformas de calado", apuntou.

"Para estar preparadas na loita contra os incendios temos que conservar a paisaxe agrícola diversa e en 'mosaico' e non o estamos a facer. Hai que abordar de forma seria o abandono do rural, e manter prácticas agrogandeiras que axudaban a minimizar os lumes. Ademais, é fundamental mudar as especies: os cultivos de eucalipto arden tres veces máis que outro tipo de bosques", indicou a titular de Medio Ambiente, quen tamén chamou a atención sobre a necesidade de "afastar o monte combustible das casas".

Fondos DUSI

García manifestou que o goberno local está a poñer en marcha medidas "que tratan de previr e minimizar o impacto dos incendios". "Estamos a traballar nun proceso gradual de substitución de especies arbóreas por outras que son menos combustibles e aportan máis humidade ao entorno", comentou, para indicar que, precisamente, "os programas que pensamos desenvolver co financiamento dos fondos europeos DUSI e que foron merecedores desta cuantiosa axuda europea apostan pola substitución do eucalipto".

Por outro lado, a concelleira salientou o seguimento que dende o Concello se fai das fincas da cidade, tanto públicas como privadas, de cara a garantir a súa roza para previr os incendios. Na actualidade o Concello realiza todos os anos, e dentro do seu Plan de Roza en soares e terreos, tarefas de desbroce nas propiedades públicas de todo o termo municipal. Non obstante, a administración local non só actúa nas súas propias parcelas, xa que require ao resto de administracións, así como aos e ás propietarias privadas, que eliminen biomasa combustible dos seus terreos. "O prazo para ter listas as parcelas que se atopan incluídas dentro do Plan de Prevención de Incendios remata o 30 de xuño, aínda que en abril xa se comeza a recordar ás persoas interesadas a súas obrigas e a roza das zonas necesarias", indicou. Unha vez remata o prazo estipulado, os e as técnicas municipais competentes realizan as pertinentes tarefas de inspección de cara a comprobar os traballos e, en caso de non terse cometido, aplicar, se fose necesaria, a correspondente sanción. "Esta clase de actuacións reforzáronse moitísimo nos últimos anos; existe un intenso traballo feito desde a Concellería de Medio Ambiente e da Inspección Ambiental para que as persoas propietarias tamén teñan as súas fincas en boas  condicións", subliñou. "A falta de dar datos definitivos desta tempada, podemos dicir que despois de moitos avisos cuadriplicamos os requirimentos emitidos, impoñendo 24 sancións de 1.000 euros", salientou.

Informes de inspección

García aludiu aos datos municipais, que revelan que en canto ao Plan de Prevención de Incendios, no ano 2014 este recollía 81 expedientes, que pasaron a 331 en 2016.

"Cremos que é urxente actuar neste senso e, dende logo, non levar adiante medidas como a pretendida Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, que se aprobou hoxe no Parlamento de Galicia co único apoio do Partido Popular, e é contraria a protección ambiental e á preservación do patrimonio", comentou a concelleira, quen quixo deixar claro "que o Concello da Coruña colaborará en todo o que lle sexa posible para impulsar outro modelo forestal".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión