14 de agosto de 2015
O Goberno da Coruña introducirá criterios nas normativas reguladoras que sexan de competencia municipal para favorecer festexos en igualdade
A concelleira Rocío Fraga explica que a publicidade deste evento, que se desenvolve en terreos da Autoridade Portuaria, vai en contra da campaña municipal por unas festas Libres de Violencias Machistas
A Concellería de Igualdade e Diversidade considera que a publicidade da festa Oktoberfest, que estes días ten lugar na Coruña, “utiliza a imaxe da muller como obxectos de desexo e reclamo sexual”, sen ter isto relación algunha co produto que quere comercializar. Ademais, segundo a titular deste departamento do Concello coruñés, Rocío Fraga, a publicidade deste evento “usa a imaxe das mulleres asociada a comportamentos estereotipados”.
A forma de publicitarse que ten o Oktoberfest está directamente enfrontada coa campaña posta en marcha polo Concello da Coruña, por unas festas “Libres de Violencias Machistas”. “Este evento é claramente un exemplo do enfoque que non queremos ter nos nosos festexos”, explica Fraga.
A concelleira fai fincapé, entre outros aspectos, na cuña publicitaria desta actividade:
“ Cerveza por doquier/vuelve la fiesta a mi ciudad/el mejor bocado y chicas de buen ver/brindemos por la Oktoberfest” .Por todo isto, a Concellería de Igualdade e Diversidade quere manifestar o seu “descontento” polo feito de que A Coruña “albergue un evento que se publicita deste xeito, denigrando a imaxe das mulleres”.
A actividade do Oktoberfest ten lugar en terreos da Autoridade Portuaria.“Dende o Concello, o que podemos e imos a facer é reflexionar para, nun futuro inmediato, estudar fórmulas desde o ámbito municipal que promovan accións que garantan o dereito á igualdade”, explica Fraga. “Estas accións van dende a realización de campañas e actividades educativas até a promoción de criterios nas normativas reguladoras que sexan de competencia municipal para favorecer outro tipo de festas, que se leven a cabo en espazos de convivencia en igualdade”, indica a concelleira.
“Queremos deixar clara a nosa postura ante este tipo de campañas e de festas que favorecen a cousificación das mulleres baixo unha imaxe estereotipada, polo que comezaremos a traballar de inmediato na liña sinalada, incorporando as medidas legais que sexan necesarias para evitar, na medidas das nosas posibilidades, este tipo de campañas”, di Fraga.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible