Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de febreiro de 2016

A Concellería de Medio Ambiente iniciará o programa de control de colonias felinas no Barrio das Flores

María García indica que o Concello porá en marcha unha serie de accións, coordinadas con asociacións animalistas, de cara a garantir “ a convivencia e o benestar animal, sen causar prexuízos á cidadanía”

A Concellería de Medio Ambiente vén de iniciar o primeiro programa de control de colonias felinas, neste caso no Barrio das Flores, zona onde se dá a circunstancia de que hai localizadas catro agrupacións distintas que constitúen unha superpoboación destes animais na zona. A intención do Goberno local é levar un control do número de animais ceibes,  mellorar as súas condicións de vida e saúde e garantir a súa correcta convivencia coa cidadanía e que provoque o menor impacto posible na biodiversidade urbana. “A intención do Executivo non é outra que ter estas colonias controladas, para garantir tanto que estes animais están nunhas condicións dignas sen causar prexuízos de ningún tipo a cidadanía”, explica a concelleira do ramo, María García.

A intención de iniciar este programa de control de felinos vén motivado por diversas circunstancias. A primeira, a existencia de numerosas colonias de gatos ao longo da cidade, algunhas delas en condicións de salubridade deficientes. Por outro lado, a alimentación destes animais, en ocasións por parte da veciñanza da zona, sen a disposición de lugares habilitados para facelo, incide na limpeza dos barrios. O control das colonias felinas é un compromiso incluído dentro das accións de Goberno destinadas ao benestar animal. “Nos nosos obxectivos están os de dar a estes animais un lugar onde vivir, onde poidan ser alimentados de forma correcta e onde estean nas mellores condicións posibles”, recorda a concelleira de Medio Ambiente, que engade que, precisamente por este feito, o programa de control tamén contempla a esterilización de exemplares. O descontrol do número de animais nas cidades incide directamente no empobrecemento da biodiversidade urbana, polo que cómpre tamén o control da súa reprodución.

Debido a todos estes factores, a Concellería de Medio Ambiente vén de dar os primeiros pasos no programa de control de colonias felinas. Nestes días iniciouse o proceso para a captura progresiva dos animais ceibes. Estes están sendo trasladados a diferentes clínicas veterinarias para o seu chequeo e esterilización. A previsión é que pasen un pequeno período de observación para garantir a súa correcta saúde antes de que sexan de novo liberados e retornados a súa colonia de orixe.

Outra das actuacións importantes dentro deste programa pasa por habilitar lugares de refuxio para os gatos. “Instalaranse casetas para cada colonia, adaptadas de tal forma que as persoas voluntarias que así o desexen poidan deixar alí comida, evitando desta forma problemas de salubridade”, comenta García. E é que outras das patas importantes está baseada na colaboración e concienciación da cidadanía. “En paralelo a este programa porase en marcha unha sorte de voluntariado para que aquelas veciñas e veciños que xa lle dan alimentación a estes animais teñan total garantía para facelo, co compromiso de non facelo na vía pública,  “sempre comida seca e  nos espazos indicados e habilitados”, indica a concelleira. “A labor de moitísimas persoas desta cidade, implicadas no coidado destes animais é moi loable, e llo agradecemos de xeito especial.  Non obstante, debe levarse a cabo de maneira que poidamos garantir que non se xerarán problemáticas derivadas, e por iso é importante que a comida sexa seca e só se lles dea nas casetas que se habilitarán para colaborar coa limpeza viaria”, explica a responsable de Medio Ambiente. Todas estas accións de concienciación e información á cidadanía e aos e ás voluntarias  faranse en colaboración con asociacións animalistas.

A maiores, distribuirase material divulgativo para concienciar á poboación sobre as boas prácticas no coidado e benestar das colonias felinas da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión