2 de decembro de 2015
A concelleira María García avanza a implantación de novos espazos deste tipo na cidade, "que conxuguen o lecer das persoas e a boa convivencia con animais domésticos", e que se irán deseñando nos próximos meses
A Concellería de Medio Ambiente, dirixida por María García, promove a creación da primeira área de esparcemento canina da cidade, que se ubicará no Parque de Bens. “Decidimos dotar á cidadanía deste espazo, que será unha zona ampla e grande do parque con sinais verticais, pensando en todas aquelas persoas ás que lles gusta pasear cos seus cans ceibos. Así, habilitamos unha zona especialmente adicada a estes veciños e veciñas e os seus animais, sen que iso afecte a outros e outras usuarias ou a fauna salvaxe dos espazos naturais”, explicou a representante municipal, que indica que, “por suposto, todo isto parte da premisa de que o animal teña un comportamento pacífico e de que os seus propietarios se responsabilicen deles”.
A titular de Medio Ambiente adiantou que “o deseño da área de esparcemento canina está xa rematado”, aínda que se validará nun proceso participativo, de acordo coas liñas políticas deste Goberno local. “Nas próximas semanas presentaremos o noso deseño tanto a grupos naturalistas como animalistas, así como a outras entidades e a usuarios e usuarias do Parque de Bens, coa intención de que fagan as súas achegas e validen a nosa proposta”, comentou. García incide en que esta non será a única área de espacermento canina que proxecta o Concello. “Haberá máis zonas deste tipo na cidade, que se deseñaran nos próximos meses, co mesmo obxectivo: conseguir que todos os veciños e veciñas poidan gozar dos nosos parques”, comentou.
“É necesario conciliar os intereses de todos e todas as usuarias do parque, tanto os dos propietarios dos animais, como os das familias con nenos, os e as deportistas, ou aquelas persoas que acuden a ver a natureza”, conviu.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible