9 de marzo de 2018
O evento, que se celebrará mañá entre as 11.30 e as 15.00 horas no centro municipal Accede Papagaio, contará cun programa especial de radio en directo, charlas e actividades paralelas como un obradoiro Lego de emprendemento
O centro municipal de empresas Accede Papagaio acolle mañá sábado día 10 a xornada Talento sen teitos, un evento de debate co que se pretende reflexionar sobre a situación de desigualdade de xénero no emprego e na empresa, visibilizar o emprendemento feminino e divulgar medidas e recomendacións para a implantación da igualdade de oportunidades nos centros de traballo e empresas. A xornada, impulsada pola Concellería de Emprego e Economía Sostible, forma parte da programación municipal Mulleres que transforman realidades que a área de Igualdade e Diversidade organiza arredor do Día Internacional da Muller e tamén ao longo do mes de marzo, así como da Startup Europe Week que se celebra en máis de 50 países impulsada pola Comisión Europea.
A xornada contará cun programa de radio, emitido en directo por Radio Coruña Cadena Ser dende o centro Accede Papagaio, entre as 12.00 e as 13.00 horas, no que se entrevistará ao responsable municipal de Emprego, Alberto Lema, e se celebrarán dous debates. O primeiro deles abordará a igualdade desde o emprego coa participación da directora da escola de European Business Factory, Helena Villares, a psicóloga social e investigadora da Universidade da Coruña (UDC), Adina Dumitru, e o director da escola universitaria de Relacións Laborais da UDC, Jesús Vázquez Forno. No segundo debate falarase da fenda tecnolóxica de xénero coa presidenta de Mujeres al Cuadrado, Patricia Araque, a tecnóloga e blogger Mónica Quintana e a catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da UDC Nieves R. Brisaboa.
A continuación, terá lugar un acto institucional no que estarán presentes o alcalde, Xulio Ferreiro, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, o edil de Emprego, e representantes de entidades do Pacto Local e colaboradoras da xornada como son a Fundación Mujeres, a Fundación Secretariado Xitano, a Asociación de Empresarias de A Coruña, a Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña, a ONG para a integración de colectivo migrante Ecos do Sur e a asociación para a integración de persoas con diversidade funcional Cogami.
O espazo acollerá tamén actividades paralelas, que se desenvolverán dende as 11.30 horas e até as 15.00 horas, nas que se falará de experiencias concretas que avanzan en igualdade. Así, crearase o Bosque pola Igualdade, unha actividade interactiva na que o público poderá expresar os seus desexos, levarase a cabo unha charla con persoas representantes das entidades do Pacto Local e emprendedoras locais de sectores emerxentes e tamén unha entrevista á directora de área de Promoción Económica e Emprego do Concello, Marta Núñez Corbalán, quen explicará polo miúdo as axudas e políticas ao emprendemento que se desenvolven na cidade. Ademais, as persoas que se acheguen poderán participar nun obradoiro de emprendemento DEMO LEGO Serious Play, de hora e media de duración, para o que será preciso a inscrición, que se fará por orde de chegada.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible