5 de xullo de 2017
A concelleira María García deu conta das medidas que se poñen en marcha nos meses de xullo e agosto, e que inclúen novos equipos de limpeza con auga para actuar en medio cento de prazas e rúas repartidas por toda a cidade, unha brigada para a eliminación mecánica de herbas e un plan de reforzo da recollida de residuos na zona centro, ademais do plan de roza de fincas e viais
A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou este mércores os plans de reforzo de limpeza de cara a este verán, que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto e nos que o Concello inviste algo máis de 120.000 euros, "como parte do programa e as políticas de Coruña Próxima, que buscan poñer en valor o espazo público desde diversas maneiras". "Desde as distintas áreas estamos actuando para mellorar e favorecer o disfrute desa Coruña dos barrios, da proximidade, con obras, desde a área de Rexeneración Urbana, que responden a demandas histórica, e con melloras de accesibilidade e de ordenación de terrazas desde a área de Mobilidade. Desde Medio Ambiente apostamos por reforzar os servizos de limpeza, sobre todo nesta época estival, un tempo que sempre supón un reto para estes servizos municipais, dado que é cando se produce unha maior afluencia de visitantes, unha maior produción de residuos e unha maior estancia da veciñanza na vía pública, e é ao mesmo tempo un período de seca que fai necesario redobrar a limpeza, un servizo que ademais estamos a reformular de cara ao ano que vén", sinalou a responsable municipal. Neste sentido, vinculou estas medidas de reforzo á recente posta en marcha A Pé de Barrio, un programa de mellora do espazo público, conservación e mantemento "que busca repartir de forma equitativa os recursos e os servizos municipais por todas as áreas da cidade, con accións en profundidade que concentran accións en profundidade que, durante o día a día, resulta difícil acometer, e que aglomeran, de forma moi intensiva, a acción de 25 contratas municipais ao redor de cada un dos dez distritos e ao longo dos 12 meses do ano".
Son, como avanzou García, catro programas de reforzo, relacionados coa limpeza e o ornato público, e que supoñen "unha aposta importante, non só pola limpeza da cidade, senón tamén polo reparto igualitario dos recursos municipais en todas as zonas da cidade e todos os barrios". Neste sentido, chamou á colaboración de toda a veciñanza para que todos e todas poidamos disfrutar dunha cidade de mellor calidade, unha implicación que a xente xa demostrou durante as festas de San Xoán, cun excelente resultado". Como primeira medida, a concelleira deu conta do reforzo de limpeza con auga, que por segundo ano consecutivo se leva a todos os barrios durante o verán, e que comezará a funcionar a vindeira semana. "Apostamos pola limpeza con auga en toda a cidade e non só no centro, e é unha das carencias detectadas do contrato en vigor, porque en todos os barrios van ter lugar festas, e en todos hai prazas onde a xente se xunta e goza delas". Este reforzo, que puxo en marcha este Goberno local, realízase a través da contratación de dous camións cisterna, e catro persoas, que traballarán os sete días da semana en horario nocturno para realizar esta limpeza nun total de 46 prazas de toda a cidade e a súa contorna, así como nos puntos que se detecte a necesidade de actuar. En concreto, as prazas son: San Andrés, Campo de Marte, Indalecio Prieto, praza do Parque, Campo da Leña, praza de Santa María, mercado de Monte Alto con avenida de Hércules, praza de Azcárraga, praza da Constitución, praza da Cidade Vella, xardíns de Méndez Núñez, praza de Pontevedra, praza de Galicia, praza de Recife, praza de Vigo, Mestre Mateo, Parque de Santa Margarita, praza de Monforte, a rúa Ángel Senra, a rúa Barcelona, a praza das Conchiñas, a praza e a rúa Gaiteira, a rúa Claudio San Martín, o parque San Diego, a praza da Cubela, a praza do Tebeo, a de Benito Blanco Rajoy, a praza de Catro Camiños, a de Padre Rubinos, a praza da Sagrada Familia, o parque de Vioño, a praza de Alfonso XII, a praza Elíptica e a da Tolerancia, a praza Torrente Ballester a de Salvador de Madariaga, a de Pucho Boedo, a praza de San Cristóbal, a praza da Concordia, as rúas Pablo Picasso e Salvador de Madariaga e os aparcadoiros, a praza Esteban Lareo, a de Pablo Iglesias e a rúa Alejandro Barreiro Noy.
Outra das medidas incluídas no reforzo de verán é a brigada encargada da retirada das herbas espontáneas que, como indicou a concelleira, "responde á demanda da cidadanía e nace con vocación de permanencia". Traballará desde esta mesma semana por todos os barrios de luns a venres para retirar a vexetación adventicia que nace fóra de lugar.
Do mesmo xeito, a responsable de Medio Ambiente fixo referencia esta mañá ao reforzo de recollida de residuos que se puxo en marcha xa a pasada fin de semana na zona centro, "para suplir esa carencia de contedores nas rúas do centro con máis hostalería, onde non hai posibilidade de poñer máis colectores por falta de espazo, pero onde nesta época hai moita maior afluencia de público, cun aumento do consumo e tamén da produción de residuos". "Por iso, o que facemos é duplicar a recollida, con contedores adicionais de depósito de material orgánico e inorgánico que se retirarán a diario, unha vez finalice a recollida, para atender ás demandas da hostalería de aumentar a capacidade de contedores", indicou; neste sentido, chamou ao sector hostaleiro a colaborar, respectando os horarios de depósito e separando os residuos nas correspondentes fraccións para optimizar o espazo dos contedores e sen deixar nunca o lixo fóra dos mesmos. "O Concello está facendo un traballo importante na zona centro con este reforzo da limpeza, e co plan de terrazas, e coa colaboración da Patrulla Verde, así que temos que facelo da man".
Como cuarta medida, García deu a coñecer as actuacións incluídas no Plan de Roza, en soares e terreos. O Concello conta con tres empresas que desenvolven as tarefas de desbroce nas propiedades municipais de todo o termo municipal. Como informou a concelleira, estes servizos limparon, no sector 1 (Santa Margarita, Riazor e Rosales) máis de 21 hectáreas (210.000 metros cadrados), mentres que no sector 2 (Torre, O Parrote, Oza e Pasaxe... ) levan 73.000 metros cadrados, e no sector 3 (que comprende Alfonso Molina, Monelos e Elviña, entre outros), 280.000 metros cadrados. A estes terreos súmase a roza do total de viais que abranguen máis de 900.000 metros cadrados, xa realizada, e á que se sumarán outras dúas roldas máis a través deste plan de reforzo. Como fixo notar a edil, o Concello non só actúa nas súas propias parcelas, senón que tamén require ao resto de administracións para que limpen aquelas que son da súa competencia e tamén ás persoas propietarias de terreos privados. Neste sentido, recordou que o pasado 30 de xuño rematou o prazo para ter limpas as parcelas incluídas dentro do Plan de Incendios -aquelas que pola súa situación ou proximidade a colexios e outros equipamentos presentan un risco maior-, de xeito que a partir de agora comezarán as inspeccións para comprobar os traballos e, en caso de non terse acometido, a imposición de sancións. "Esta clase de actuacións reforzáronse moitísimo nos últimos anos; existe un intenso traballo feito desde a Concellería de Medio Ambiente e da inspección ambiental para que as persoas propietarias tamén teñan as súas fincas en condicións de limpeza", subliñou. A este respecto, apuntou que se no ano 2014 o Concello iniciou 293 expedientes de soares e realizou 887 informes de inspección, en 2016, aumentaron ata os 414 expedientes e 991 informes de inspección. E canto ao Plan de Incendios, no ano 2014 este recollía 81 expedientes, que pasou a 331 durante o ano pasado.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible