22 de marzo de 2018
Os expedientes para o inicio da expropiación das dúas parcelas necesarias para executar as actuacións, de 253 e 6,23 metros cadrados, serán levados mañá á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación
A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda levará a próxima Xunta do Goberno Local, que se celebra este venres, a aprobación inicial de dous expedientes de expropiación doutras tantas parcelas necesarias para a construción dun aparcadoiro no parque Adolfo Suárez e para a segunda fase de mellora da rúa Marola, situada no barrio de Monte Alto, de cara a que poida cumprir cos criterios de accesibilidade. Trátase, segundo explica o titular de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, de parcelas de pouca superficie que ocupan parte das áreas nas que están proxectadas estas obras, "polo que recorremos ao mecanismo de expropiación forzosa para garantir que poidan realizarse na dimensión que están proxectadas".
A superficie total a expropiar no caso do aparcadoiro, que como salienta Varela servirá para dar servizo tanto ás persoas usuarias do parque e á veciñanza como ás persoas que empreguen os campos de fútbol de San Pedro de Visma, é de 253 metros cadrados de solo urbano consolidado e cualificado como sistema local para equipamento de continxencia. O valor total da expropiación, que é a suma do prezo do solo máis un 5% do premio de afección calculada pola oficina técnica de xestión do solo, ascende a 15.373,16 euros.
O responsable municipal de Urbanismo indica que o segundo expediente de expropiación forzosa, o da rúa Marola, afecta de maneira parcial -xa que se trata dunha porción de 6,23 metros cadrados- a unha parcela de solo urbano consolidado e cualificado como sistema viario local. "Este terreo é necesario para garantir a accesibilidade na segunda fase de peonalización desta rúa, a expansión dun proxecto moi demandado e moi ben acollido pola veciñanza de Monte Alto, que se enmarca no Camiño do Vixía, unha iniciativa para facilitar a mobilidade e o tránsito peonil nun barrio con moita densidade de tráfico e pouco espazo con prioridade peonil", apunta. O pasado ano realizánronse as obras nos 100 primeiros metros da rúa, dando resposta a unha demanda veciñal, que se completarán coa renovación e mellora de toda a vía.
A aprobación definitiva dos expedientes implicará a declaración de urxencia da ocupacións dos terreos, que estarán dispoñibles para o Concello tras o pago ou consignación do prezo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible