21 de setembro de 2017
A actividade, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, abrirá o vindeiro luns o prazo de inscrición
O segundo dos Paseos pola Coruña Literaria, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña xunto coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, e que se celebra o vindeiro 7 de outubro (17.30 horas), contará coa participación da escritora María Solar, que abordará a pegada da expedición Balmis na cidade, como xa relatou na súa obra Os nenos da varíola. O roteiro levará aos e ás participantes da man pola historia e a ficción literaria, un paseo para recuperar parte da memoria da cidade, que foi o escenario daquela ruta, que partiu en 1803 ado peirao coruñés na corveta María Pita para levar a vacina da varíola a América, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos. O prazo de inscrición na actividade abre o vindeiro luns, 25 de setembro, a partir das 09.00 horas. As persoas interesadas en percorrer con María Solar o paseo poden inscribirse de forma presencial, na Conserxaría do Centro Ágora, ou ben no teléfono 981 189 888 ou enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o nome e apelidos da persoa ou persoas inscritas e un teléfono de contacto.
Tras a cita do vindeiro día 7 de outubro quedan aínda outros dous Paseos pola Coruña Literaria, que terán lugar o 21 de outubro (de 12.00 a 13.30 horas), cunha ruta sobre sobre Agustín Fernández Paz guiada por María Jesús Fernández, e o 4 de novembro (de 12.00 a 13.30 horas) con Xabier P. DoCampo. As inscricións abriranse, respectivamente, o 9 e o 23 de outubro. Desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña indican, ademais, que as 55 prazas dispoñibles para o paseo con Xosé Luís Axeitos, que se celebrará o día 30 deste mes, xa están ocupadas, así como a listaxe de espera.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible