Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de agosto de 2017

A Festa das Utopías despídese este venres no Parrote coa “irreverencia” e a “profundidade” do espectáculo de clown de Leo Bassi

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, invita á cidadanía a acudir ao acto de clausura deste ciclo especialmente adicado ás artes circenses

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, convidou este xoves á cidadanía da Coruña a acudir ao paseo do Parrote mañá venres, 18 de agosto, lugar onde terá lugar, a partir das 19.00 horas, a gala de clausura da Festa das Utopías, ciclo consagrado ás artes circenses, ao clown e á irreverencia, que tivo lugar de forma descentralizada en numerosos escenarios da cidade ao longo desta semana. O responsable municipal destacou que a gala final deste ciclo, Flores Contra o Esquecemento, "entronca directamente con esa loita e ese traballo que se está a realizar na Coruña tanto dende o goberno local como dende a sociedade civil para ser, realmente, unha Cidade Acolledora que poida dar resposta, coa implicación necesaria do Goberno central, ás miles de persoas demandantes de refuxio e asilamento". "Trátase dun espectáculo onde grandes artistas como Carlos Sante, Vanessa Rivas, Peter Punk, Mago Teto, ZirkusFrak ou Júlia Farrero rememorarán precisamente o que en maio deste ano fixo a compañía Pallasos en Rebeldía xunto coa banda tinerfeña Caracoles, que actuou en Atenas nunha gala especial para as persoas refuxiadas", explicou, á vez que salientou que o recoñecido clown Leo Bassi será o encargado de pechar o festival cunha actuación marcada pola súa visión satírica. "Esta gala final da Festa das Utopías é especial xa que aborda, dende a irreverencia dos clowns, temas de tanta profundidade como a situación dos e das refuxiadas, a memoria histórica ou o consumismo ", comentou o responsable municipal, que destacou a boa acollida durante toda a semana das actividades deste ciclo.

"Saben que este Goberno local cre nas liberdades, no dereito á expresión artística e, por que non, no dereito á irreverencia, polo que é un gran pracer poder acabar esta Festas das Utopías coa actuación de Leo Bassi", comentou o concelleiro, que indicou que o seu espectáculo, que comezará contra ás 21.00 horas no Parrote, "afonda directamente en temas relacionados coa memoria histórica e coa restitución da dignidade das vítimas dunha profunda represión, así como en temas como o consumismo ou a inxustiza dun sistema económico que crea desigualdade". "Bassi fala e denuncia seguindo a traxectoria dos bufóns a través da linguaxe da farsa. A actuación aborda temas que están, se cabe, aínda de maior actualidade estes días, cando vemos que se seguen a levar a cabo accións directamente contrarias ao espírito da Lei de Memoria Histórica e cando constatamos que perviven anomalías democráticas tales como que unha fundación ideada para enxalzar a figura dun golpista sexa a encargada de xestionar as visitas ao Pazo de Meirás, un Ben de Interese Cultural (BIC)", comentou o edil, que engadiu que a actuación do artista italiano contará cun inchable de 12 metros.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión