Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de febreiro de 2017

A Mesa dos alcaldes e alcaldesa acorda iniciar os traballos sobre o transporte metropolitano, de forma bilateral coa Xunta, e en paralelo ao proceso de construción da futura Área

Os rexedores da Coruña, Oleiros, Sada, Culleredo, Carral, Abegondo e Betanzos, así como a mandataria local de Bergondo, e representantes de Arteixo e Cambre, resolveron convocar a Mesa Metropolitana de Transporte para deseñar un plan de traballo que será trasladado ao Goberno autonómico, así como solicitar unha reunión con Ethel Vázquez

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse este martes cos seus homólogos nos concellos de Culleredo (Julio Sacristán), Oleiros (Ángel García Seoane), Sada (Benito Portela), Carral (José Luis Fernández Mouriño), Abegondo (José Antonio Santiso) e Betanzos (Ramón García), así como coa mandataria local de Bergondo (Alejandra Pérez) e representantes municipais de Cambre e Arteixo. Foi dentro dunha nova xuntanza da denominada Mesa dos alcaldes e alcaldesa da comarca na que, entre outras cuestións, decidiuse, por unanimidade, continuar co proceso de construción da Área Metropolitana, tal e como estaba previsto, abordando, en paralelo, a cuestión relativa ao transporte metropolitano. "Todos e todas as presentes decidimos iniciar os traballos ao respecto dentro do marco que xa establecemos no seu momento, que é a Mesa do Transporte Metropolitano, de cara a acordar coa Xunta un futuro plan de transporte para os concellos da área", explicou Ferreiro, rematada a reunión. De feito outro dos acordos alcanzados por total consenso pasa por "abordar todo o proxecto do transporte metropolitano de forma bilateral coa Xunta".

Ao fío, dende o Concello da Coruña solicitarase unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, na que tamén estean presentes o resto de concellos da área. "Nesa xuntanza levaráselle unha proposta á conselleira para incluír a técnicos da propia Xunta na Mesa do Transporte Metropolitano, de cara a poder ir traballando este asunto de forma conxunta", explicou Ferreiro. "O que quedou claro é que todo isto non supón parar en ningún xeito a nosa axenda de cara á construción dunha Área Metropolitana real, senón que se trata de traballar os asuntos en paralelo, para que o deseño final desa mobilidade e transporte poida ser xa posto en marcha na nova área", insistiu o primeiro edil coruñés. "Estamos nun momento que coincide no tempo coa caducidade das concesións de transporte metropolitano, competencia neste caso da Xunta. O outro día, na reunión que mantiven co presidente autonómico, este manifestou tamén o seu interese en que houbese un consenso na área metropolitana. Creo que é necesario deseñar o transporte nesta zona como un conxunto. A Área debe ser comprendida como unha unidade, conformada por múltiples concellos, que debe contar cunha rede de transporte. Só así poderemos xerar unha alternativa real ao transporte privado", opinión o mandatario coruñés.

Estratexia Metropolitana e Mesa Metropolitana do Turismo

Noutra orde de asuntos, e entregado xa o primeiro informe da comisión de xuristas da UDC con respecto á conformación da Área Metropolitana, solicitado dentro dos traballos para a creación dunha lexislación propia para esta futura entidade, o Concello procederá a unha segunda encarga, neste caso un informe sobre "o marco europeo de gobernanza metropolitana", comparando os distintos modelos, así coma os seus soportes normativos. Este documento permitirá organizar o debate político da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa arredor das competencias, a estrutura, a gobernanza, e o financiamento da futura Área Metropolitana.

Por outro lado, e con respecto ao documento de Estratexia Metropolitana que se está a elaborar, a Mesa acordou, tamén de xeito unánime, aprobar unha prórroga até o día 7 de marzo para facilitar as súas aportacións aos concellos que aínda non fixeron achegas ao texto. O Goberno local fará extensiva esta prórroga ao resto de grupos municipais da Corporación. A folla de ruta marcada pasaría por, unha vez pechado o documento de Estratexia Metropolitana, iniciar un proceso de exposición pública e participación.

Ademais, a e os representantes municipais acordaron que a Mesa Metropolitana sobre a Ría do Burgo e a Bacía do Río Mero pase a denominarse Mesa da Conservación da Natureza e a Biodiversidade, de cara a ampliar o seu espectro de actuación, así como crear unha nova Mesa Metropolitana dedicada ao Turismo, a Economía e o Emprego, na que, entre outras cuestións, se aborden tamén as preocupacións comúns en torno ao aeroporto de Alvedro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión