25 de agosto de 2016
Unha trintena de comercios e locais da zona centro expoñen estes días pezas relacionadas coa cultura e o folclore galego, que serán os protagonistas das dúas xornadas desta fin de semana que fechan as festas de María Pita, nas que as actividades se repartirán entre o parque de Santa Margarita e novas ubicacións como son as prazas de Lugo, de Galicia, de Vigo e os xardíns de Méndez Núñez
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, estivo na mañá deste xoves no mercado Eusebio da Guarda, na praza de Lugo, que acolleu unha das actividades asociadas á Romaría de Santa Margarita que este fin de semana culmina a programación das festas de María Pita, como foi a actuación, dentro da propia praza de abastos, das asociacións culturais Donaire e Son d'Aquí. Os preparativos da romaría xa se deixan ver desde principios de semana na contorna dos catro emprazamentos polos que se espallarán as actividades do sábado, que se repartirán entre o parque de Santa Margarita e catro novos emprazamentos, como son as prazas de Lugo, Vigo, Ourense e os Xardíns de Méndez Núñez. Desde o luns, os escaparates dunha trintena de negocios da zona centro, locen distintos elementos relacionados coa cultura tradicional, desde traxes ata instrumentos musicais, para "ir facendo ambiente e crear un escaparate vivo, e dentro do obxectivo de dinamizar e dar visibilidade á cultura tradicional dun xeito moi visual", segundo explica o concelleiro. Nesta exposición cóntanse, entre outras pezas, con media ducia de pezas dunha colección de traxes tradicionais en distintos comercios da zona centro.
Tal e como destaca o responsable municipal, o programa deste ano amplía o concepto da romaría e dá protagonismo á música tradicional e ás asociacións, en conexión coas agrupacións e entidades cidadás participantes no programa Ardelloeixo. Neste sentido, a primeira xornada, a do sábado 27, estará dedicada por enteiro ao folclore, na que, desde as 10.00 e ata as 19.00 horas, as distintas áreas temáticas -baile, música, faladoiros e regueifas, e infantil- distribuirase polas prazas e os xardíns de Méndez Núñez, antes de rematar as actividades no parque de Santa Margarita, con actuacións musicais a partir das 20.00 horas. Tamén, durante a mañá, haberá pasarrúas e cabezudos entre as distintas ubicacións.
O sábado, entre as 10.00 e as 19.00 horas, a praza de Vigo recollerá a actividade realicionada co baile, con obradoiros de Luis Prego, Montse Rivera, Xabier Iglesias e Manolo Cobas, e actuacións de Cántigas da Terra, Donaire e Sond'aqui, ademais dunha foliadiña Ardelloeixo. Na praza de Galicia, desde as 11.00 horas, estarán os faladoiros, nos que participarán representantes de distintas agrupación. A praza de Lugo transformarase na Praza Miúda, cunha programación dirixida a nenas e nenos, mentres que a programación musical concentrarase nos Xardíns de Méndez Núñez, con actuacións e obradoiros impartidos por Olga Kirk, Pablo Seoane, Fransy Gonález e Xosé Lois Romero. Ademais, durante toda a mañá, Os Viqueiras de Ordes realizarán pasarrúas entre as prazas. Desde as 20.00 horas ata as 02.00 horas, xa no parque de Santa Margarita, sucederanse os concertos de Pesdelán (20.00 horas), Tiruleque (21.30 horas), Xosé Lois Romero & Aliboria (23.00 horas) e Os d'abaixo (00.30 horas).
O domingo 28 recupera a estrutura tradicional da romaría no parque de Santa Margarita, que acollerá obradoiros, pasarrúas, xogos infantís ou fogos artificiais, ademais de música tradicional. Desde as 20.00 horas haberá concertos de Xacarandaina, e as actuacións do músico de Mali Vieux Farka Touré e Treixadura.
Ecovasos
Nesta edición, ademais, o Concello volverá a introducir na romaría o Ecovaso, dentro das accións que a Concellaría de Medio Ambiente desenvolve para a sensibilización sobre residuos no marco das festas de María Pita, incluídas as festas dos barrios. Esta medida, orientada á prevención e redución de residuos e limpeza viaria, consiste en promocionar que a cidadanía dispoña dun vaso reutilizable de seu -que se reparte cunha fianza dun euro-, que empregue para as diferentes consumicións, de cara a disminuír o número de envases que acaban no lixo, e dese xeito facilitar unha maior a limpeza viaria posterior os eventos das festas e contribuír á mellora da calidade ambiental do parque. Nesta edición está previsto distribuír máis de 3.000 ecovasos na Romaría, o que implicaría a redución de entre 6.000 e 9.000 vasos de usar e tirar.
Esta iniciativa xa se desenvolveu o ano pasado cun resultado positivo, tanto na propia Romaría de Santa Margarita como nas festas de Monte Alto, en colaboración coas asociacións culturais Manicómicos e Son d`aquí e a asociación veciñal de Atochas Monte Alto, con máis de 2.000 ecovasos empregados.
Festas en Novo Mesoiro e Pedralonga
Ao mesmo tempo, os barrios de Pedralonga e Novo Mesoiro celebran estes días as súas festas, dentro do programa municipal. Hoxe mesmo, como previa á programación festiva, haberá en Novo Mesoiro unha mexilloada, a partir das 20.00 horas, nos locais do barrio, que estará amenizada polos Kilomberos de Monte Alto. Mañá venres, a partir das 17.00 horas, comezarán as charangas, e ás 23.00 horas haberá verbena coa orquestra orquestra Jerusalén. O sábado á noite será tempo de concertos, que terán como estrela a banda Burning (23.00 horas), a cal estará precedida dos grupos Dj'M, Vavar e La Dance. Antes, La Banda del Camión soará durante a sesión vermú, na que se celebrará unha pulpada popular. O domingo comezará, no polideportivo do barrio, co Trofeo Xerión Novo Mesoiro de fútbol e baloncesto 3x3, que dará paso á sesión vermú (13.00 horas) e á actuación de Los Claretes. Xa de tarde haberá unha festa da espuma.
No barrio de Pedralonga as festas concéntranse na xornada do sábado, día 27. Desde as 17.00 horas, no aparcadoiro da Fábrica de Armas, haberá festa con inchables, actuacións de FamiliRua e, ás 23.00 horas, un concerto coa orquestra Bluestar.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible