23 de maio de 2018
O edil Alberto Lema, presidente do Consorcio de Turismo, renovou esta mañá o convenio de colaboración coa Asociación Clubes de Traineras (ACT) para a realización da regata, que puntúa na Eusko Label Liga
A enseada do Orzán acollerá, por segundo ano consecutivo, a regata Bandeira Cidade da Coruña. O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, en calidade de presidente do Consorcio de Turismo, e o presidente da Asociación Clubes de Traineras (ACT), Borja Rodrigo, renovaron esta mañá o convenio de colaboración por tres tempadas asinado no 2017 e que senta as bases da celebración desta competición, que puntúa na liga de traiñeiras, a Eusko Label Liga.
Así, a Bandeira Cidade da Coruña, celebrarase a dobre xornada o sábado 7 de xullo, desde as 18.00 horas, e o domingo 8 de xullo, desde as 11.45 horas, e incluirá, por vez primeira, dúas xornadas de regata da liga feminina. O responsable municipal salientou, nunha rolda de prensa posterior á sinatura, "a satisfacción do goberno local pola ampliación da competición", ao incluír a presencia feminina e duplicar o número de regatas e xornadas, "o que multiplicará o número de visitantes que acudirán á cidade antes do inicio da tempada alta de verán".
"O interese turístico do evento é de grande importancia para consolidar A Coruña como cidade de celebración de competicións de deporte náutico, unha liña de traballo que estamos a desenvolver a partir das distintas conclusións do Plan Estratéxico de Turismo (PET)", apuntou Lema, quen recordou que o PET, presentado en xullo de 2017, destaca a potencialidade da Coruña como destino para acoller eventos vinculados ao mar. "A primeira edición da Bandeira tivo un importante seguimento de público e medios. Tanto os datos achegados pola ACT como os do propio estudo de impacto económico elaborado polo Consorcio en colaboración coa Escola de Turismo son moi satisfactorios e poñen de manifesto a capacidade da Coruña para atraer este tipo de eventos", sinalou o concelleiro, quen destacou que o Consorcio de Turismo investirá 69.998,50 euros para o patrocinio da regata, que se retransmitirá a través da televisión.
Pola súa banda, o presidente da ACT, definiu como "espectacular" a primeira edición da bandeira. "A Coruña é unha cidade perfecta para acoller este tipo de probas, polo que resulta moi satisfactorio poder realizar na enseada do Orzán 4 das 19 xornadas da liga masculina e, por vez primeira, 2 das 14 xornadas da competición feminina", manifestou Rodrigo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible