15 de agosto de 2016
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, salienta o bo resultado da regata e os seus actos asociados, que completaron a oferta do programa de festas para eses días, repartida entre os peiraos, os Cantóns e a praza de María Pita, e que incluíu tamén outras actividades espalladas pola cidade
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, fixo este luns un balance "máis que positivo" da Tall Ships Races, a regata de grandes veleiros que nesta 60ª edición tivo no porto da Coruña a súa parada final, e que atraeu entre o xoves e o sábado pasados a un total de 132.199 persoas aos peiraos, para contemplar de preto as embarcacións e participar nalgunha das moitas actividades que acompañaron a cita náutica. "Trátase dun evento que xa ten tradición da cidade -con esta son nove as edicións nas que a regata recala na Coruña-, e con un indubidable tirón, tanto para a atracción de visitantes como para o tecido económico da cidade", indicou. Como salientou o responsable municipal, a cita veu completar o xa amplo programa das festas de María Pita para eses días, que concentrou as súas actividades nos peiraos e o Parrote, onde tivo lugar o sábado á noite a Batalla Naval, os Cantóns -onde se celebraba, ao tempo, Viñetas desde o Atlántico e a Feira de Artesanía- e a praza de María e María Pita, que acolleu nesas datas os concertos de Loquillo, Nouvelle Vague e Carlos Baute, quen colleitou un cheo absoluto do aforamento, con 27.000 persoas ateigando o recinto. A axenda completouse o domingo co desfile naval, que puxo fin aos actos da Tall Ships Races, e o concerto de Ute Lemper na praza de María Pita; durante os catro días, veciñanza e visitantes tiveron a oportunidade de participar noutras propostas espalladas pola cidade, como o festival Manicómicos, o programa infantil do Parque das Utopías ou o festival de Arraigo, ademais das primeiras actividades das festas dos barrios, que comenzaron a pasada fin de semana na Gaiteira e que continuarán nas dúas vindeiras semanas.
Para Alberto Lema, cuxa concellería ten tamén as competencias na área de Turismo, a Tall Ships Races e todas as actividades complementarias amosan unha proposta de festas "con capacidade para chegar a todo tipo de públicos, unha oferta variada e descentralizada que está a ter un bo impacto nos sectores asociados ao turismo, contribuíndo a unha cidade máis viva na que ten cabida o deporte e a competición, pero tamén a cultura, a música e outras propostas de ocio alternativas".
Tal e como reflicten os datos de visitas ao recinto portuario durante a celebración da Tall Ships Races, o día máis concorrido foi o sábado, no que pasaron polos peiraos un total de 51.016 persoas. O pico máximo situouse nas 20.45 horas, con 7.978 visitantes rexistrados. O venres, a afluencia situouse en 45.139 persoas, cun pico máximo de 9.827 visitas -o maior de todo o evento- e o xoves, primeiro día da cita, foron 36.044 as persoas rexistradas. Como indica o concelleiro, a esas cifras súmanse as da organización, así como tripulacións e persoal voluntario que colaborou nas actividades, e toda a xente que acudiu a distintos enclaves da cidade, como o parque de Bens ou a Torre, o domingo pola mañá para asistir ao desfile final dos veleiros.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible