1 de xuño de 2016
As visitas ao monumento Patrimonio da Humanidade comezaron hoxe co seu horario de verán, no que o último acceso será ás 20.30 horas
A Torre de Hércules rexistrou entre os meses de xaneiro e maio a visita de 31.906 persoas. As visitas ao monumento, que este mes de xuño celebra o seu sétimo aniversario como Patrimonio da Humanidade, superan as cifras dos primeiros meses do ano anterior, no que 30.970 persoas pasaron polos tornos do faro. Neste sentido, a Torre mantén a tendencia ascendente iniciada o pasado verán en canto á mellora do número de visitantes, cando rematou 2015 co mellor rexistro dos últimos tres anos, acadando 117.427 visitas, un dato que superou ás obtidas nos anos anteriores ( 113.849 no 2014 116.946 persoas no 2013).
O mes que máis visitas se rexistraron do que vai de 2016 foi marzo, con 9.101 visitas, mentres que maio foi o segundo mes con máis tránsito, con 9.070 visitantes; namentres en abril houbo 6.998, en xaneiro, 3.372 e, en febreiro, 3.365.
A maior chegada de turistas agárdase a partir deste mes de xuño, no que a Torre amplía o seu horario de verán. Desde hoxe, o faro romano manterá abertas as portas desde as 10 até as 21 horas, sen interrupción, e fixará ás 20.30 horas o último acceso ao seu interior. Este horario manterase ata finais de setembro, cando recupere como horario habitual de peche as 18 horas. En previsión tamén da numerosa afluencia de turistas, e para permitir unha correcta dinamización do fluxo de visitantes, desde o 15 de xuño non se poderán reservar guiadas ao faro.
Por outra parte, e para celebrar os sete anos da Torre de Hércules na lista de Patrimonio Mundial da Unesco (27 de xuño), o Consorcio de Turismo da Coruña celebrará distintas actividades entre as que, como principal novidade, se atopa a convocatoria dun concurso de fotografía e vídeo a través das redes sociais. O certame abre hoxe o prazo de participación, que se manterá aberto durante todo o mes, e busca promover contido en Instagram e Youtube xerado polas usuarias e usuarios das redes arredor da figura do faro romano.
As persoas participantes poderán subir as súas fotografías en Instagram nunha publicación mencionando a conta oficial @torrehercules, que estará acompañada pola ubicación da mesma e a etiqueta #7aniversariopatrimoniomundial. Pola súa banda, quen desexe participar no concurso audiovisual, poderán enviar os seus vídeos, dun minuto como máximo de duración, ao correo electrónico torredeherculesonline@gmail.com para que aparezan na canle oficial de Youtube http://www.youtube.com/user/torreherculesacoruna.
As e os autores dos contidos que acaden maior popularidade obterán premios en metálico. As bases do concurso están dispoñibles na web www.torredeherculesacoruna.com

13 de marzo de 2026

12 de marzo de 2026

25 de febreiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible