Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de febreiro de 2016

A Xunta de Goberno local dá luz verde ao proxecto de ordenanzas para mercados, que "regularizará a situación de todos e todas as praceiras e fomentará a participación do sector e o comercio de proximidade".

Tamén recibiu o visto e prace a subvención dun convenio coa Federación de Anpas de colexios públicos da cidade por valor de 130.000 euros para a realización de programas educativos, deportivos e culturais

A Xunta de Goberno local deu hoxe luz verde ao proxecto de novas ordenanzas para regular a xestión dos mercados municipais. Segundo trasladou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, ante os medios, unha vez rematada a reunión, a intención do Executivo é levar o texto ao próximo Pleno municipal, que se celebrará o 11 de febreiro. O responsable de mercados indicou que estas novas ordenanzas foron consensuadas co sector. Igualmente, “buscouse o entendemento con todos os grupos da oposición”, a través da Comisión Informativa de Economía, dado o interese do Goberno local de que esta nova normativa “sexa de longo percorrido”. “Queremos levar a Pleno unha proposta de cidade, feita co consenso de todos e todas para ser duradeira”, indicou.

Segundo Lema, a intención do equipo de Goberno foi artellar unhas novas ordenanzas que puidesen solucionar as situacións de desigualdade que se derivan da anterior normativa xestora, que data no ano 2006, “e que neste momento está xa obsoleta”. Segundo explicou o concelleiro, as anteriores ordenanzas “concibíronse dende o dereito privado”. “Nós apostamos porque o que prime sexa o dereito público polo que, nas novas prazas que se saquen a concurso, admitiremos a figura da transmisión, pero non á do traspaso, como ata agora”, explicou. O concelleiro recordou que coa aprobación destas ordenanzas, posibilitarase sacar a concurso as 50 prazas que na actualidade están baleiras nos mercados municipais e que “son moi demandadas por todo o sector”.

Por outro lado, a actual ordenanza do ano 2006 contempla a figura da persoa “temporeira”. “Neste suposto, o concello autorizaba a ocupación e uso dunha praza dos mercados por un período de 24 meses. Na práctica, o uso desa figura foi deturpada, xa que nos atopamos con casos de concesionarios eventuais ou temporeiros que levan máis de 20 anos na mesma ubicación”, explicou o responsable de Emprego. “As novas ordenanzas teñen a vontade de regular esa situación. Nesta nova etapa non se contemplará esa figura, e todos e todas as concesionarias serán titulares de pleno dereito”, indicou. “Esta nova normativa regula tanto a situación dos e das novas concesionarias como a destas persoas, que ata agora estaban suxeitas a unha situación de eventualidade e cuxo número ronda o medio cento”, apuntou.

“A nosa vontade é dotar a todos e todas as titulares de postos de legalidade xurídica. No caso dos ata agora temporeiros, estes pasarían a ser titulares de pleno dereito, pero se lles descontaría do período da súa concesión, que se establece en 35 anos, o tempo que levan ocupando un posto nun mercado”, aclarou o concelleiro, quen destacou que esta medida busca fomentar non só o emprego de calidade, senón tamén a igualdade de condicións entre todos e todas as traballadoras dos mercados.

Outra das características distintivas destas ordenanzas é que a adxudicación de novas prazas levarase a cabo, de forma preferente, mediante a fórmula do concurso público. “A última vez que se fixo unha licitación pública de postos nos mercados foi no ano 93, o que da exemplo do desleixo e abandono que veu sufrindo este sector durante anos”, destacou Lema. “Cremos que o procedemento máis xusto de adxudicación é mediante o concurso público, non polo método de subasta, que imperaba ata agora e se centraba, polo tanto, nunha oferta económica. Opinamos que a nova proposta é máis democrática. Non só se valoran os cartos, senón o proxecto e os criterios técnicos que se presenten”, dixo. O concelleiro apuntou, a este respecto, que, como no resto de adxudicacións e contratos que leva a cabo o Concello, “nestes concursos valoraranse especialmente as cláusulas sociais que aplica o Goberno local é que busca favorecer a certos colectivos, como aqueles con diversidades funcionais ou os que se atopan en risco de exclusión”. “Favorecemos tamén a venda de produtos ecolóxicos, o comercio de proximidade e todas aquelas actividades que fomentan o cooperativismo”, resaltou. A Xunta de Goberno Local poderá aprobar pregos tipo para a cobertura das vacantes que se produzan nos diferentes mercados, que deberán incluír cláusulas dirixidas tanto á contratación responsables, como a innovación e a salvagarda dos dereitos medioambientais e sociais.

As novas concesións terán un prazo de explotación de 35 anos. Así mesmo, establecese un máximo de dous postos por titular, que non poden estar ubicados no mesmo mercado. “A vontade dos e das praceiras de ampliar a súa actividade é lexítima, pero cremos que hai que favorecer a competencia e, polo tanto, non podemos tender a un acaparamento de dous establecementos por unha mesma persoa dentro dunha praza”, reflexionou.

O proxecto de ordenanzas tamén inclúe, dentro do afán por favorecer a participación de todos os entes da cidade na gobernanza, a figura da ‘Comisión de Mercados’. “É un órgano no que estarán integrados tanto os e as presidentas das prazas como o propio Concello, e que será encargada de estudar as medidas máis axeitadas de cara á dinamización dos mercados da cidade”, dixo.

O concelleiro quixo destacar o alto grao de consenso que o documento presentado hoxe ante a Xunta de Goberno local acadou, tanto entre o sector, como entre a maioría dos grupos da oposición. “Reunímonos en dúas ocasións coas praceiras como Goberno, e unha terceira como Comisión Informativa de Economía, xuntanza na que tamén estiveron presentes os grupos da oposición. Nestas reunións fomos afinando o texto, e incorporando a maior parte das súas achegas, como por exemplo, aumentar o período das concesións a 35 anos”, comentou Lema, que tamén recordou que unha vez aprobado no Pleno, “existe un prazo de 30 días para propoñer emendas”.

Fomento de programas educativos

Por outro lado, a Xunta de Goberno Local extraordinaria celebrada na mañá deste martes deu o visto e prace á subscrición dun convenio nominativo coa Federación de Asociacións de Nais e Pais (ANPA) de colexios públicos da cidade que supón unha subvención directa á entidade por importe de 130.000 euros para a realización de programas educativos, deportivos, culturais e de xuventude, durante o primeiro semestre de ano. Como indicou hoxe Silvia Cameán, concelleira da área de Xustiza Social e Coidados, con competencias en materia educativa, este convenio permitirá que se leven a cabo os programas de Coruña Tardes (de ocio educativo e deporte no centro), Coruña Linguas (Listen and Speak, de linguas estranxeiras en Secundaria), Luditarde, naqueles programas onde se vén desenvolvendo, e calquera outro que se poña en marcha ao longo deste primeiro semestre do 2016, sempre que se poida acometer orzamentariamente no marco deste convenio. “O Concello fai un gran esforzo para que estas actividades extraescolares poidan seguir realizándose nos centros públicos de ensino da cidade, porque entendemos que é unha cuestión fundamental, porque apoiamos firmemente unha educación pública e porque, ademais, entendemos que neste caso é totalmente precisa unha vía excepcional, ao non haber concordancia entre o curso escolar e o exercicio económico”, salientou a responsable municipal, quen indicou que o acordo, que foi consensuado coa Federación de ANPA, “vai a dar saída a un problema”. “Esta situacion dá exemplo de que Goberno segue a traballar e a atopar solucións polo ben da cidade e á veciñanza a pesar do intento de bloqueo que está a sufrir”, recordou.

Documentos:

Proxecto de ordenanza de xestión do servizo público de mercados municipais (305 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión