29 de xuño de 2023
Un total de 16 restaurantes da cidade ofrecerán tapas e pratos elaborados con este peixe nestas primeiras xornadas, que terán lugar do 15 de xullo ao 15 de agosto
O sector gastronómico coruñés estrea este verán as I Xornadas do Bonito da Lonxa da Coruña, que terán lugar en restaurantes da cidade entre o 15 de xullo e o 15 de agosto. O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade, colabora na posta en marcha desta iniciativa, organizada por Coruña Cociña, un colectivo de chefs da cidade. Un dos obxectivos destas xornadas é poñer en valor un produto de gran valor gastronómico, como é o bonito que sae da Lonxa da Coruña.
As xornadas presentáronse esta mañá na lonxa nunha rolda de prensa na que participaron Moisés Jorge Naranjo, xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Javier Freijeiro, presidente de Coruña Cociña, Juan Carlos Corrás, presidente da Lonxa da Coruña, Pedro Pastur, responsable de Trade Márketing de Estrella Galicia e numerosos cociñeiros e cociñeiras que participan nesta iniciativa.
Son 16 os establecementos que forman parte de Coruña Cociña e que poñen en marcha estas primeiras xornadas gastronómicas centradas no bonito: A Taberna de Faragulla, Charlatán, Culuca, Greca, Intenso, Millo, Nado, Pablo Gallego Restaurante, Peculiar, Pracer, Pulpeira de Melide, Salitre, Taberna da Tabacalera, Terreo, Ultramarinos Galera e Vinoteca Balbordo. Nesta iniciativa colaboran, ademais do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade, a Lonxa da Coruña, achegando aos restaurantes o produto necesario, e Estrella Galicia, apoiando na promoción e na Cultura da Cervexa.
O xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Moisés Jorge Naranjo, expresou o seu agradecemento ao colectivo Coruña Cociña por esta iniciativa, "que suma moito ao éxito turístico da cidade". Tamén á Lonxa da Coruña, por ser unha peza fundamental para a gastronomía coruñesa, con produto de máximo nivel. "A marca Peixe da Lonxa da Coruña é un referente para poñer en valor o produto desta lonxa. Conta co noso apoio", apuntou o xerente na inauguración.
Segundo Jorge Naranjo, a gastronomía local é un alicerce fundamental para o turismo na cidade. "É un dos motivos na potenciación do turismo MICE, o turismo de congresos. Un dos motivos polos que elixen A Coruña para celebrar grandes eventos. O ano pasado houbo 22 congresos e 11 feiras, ás que asistiron 200.000 profesionais. E isto é posible grazas a iniciativas como estas, á restauración e a empresas como Estrella Galicia, que apoian este tipo de eventos", expresou.
Os comensais poderán degustar Bonito da Lonxa da Coruña nos restaurantes citados en formato tapa, ración dentro da carta ou menú degustación, xunto cunha proposta de maridanza realizada por Estrella Galicia, con 1906.

18 de decembro de 2025

9 de decembro de 2025

5 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible