6 de decembro de 2025
A programación, impulsada a través dun convenio coa Federación de ANPAS, inclúe xornadas de xogos e tamén actividades de baloncesto, xadrez e atletismo en diversos colexios públicos da cidade
Varios centros educativos públicos da Coruña viven estes días a súa particular conta atrás de cara á celebración dos encontros lúdicos e deportivos que terán lugar entre os días 12 e 17, ao abeiro do programa 'Deporte no Centro', promovido polo Concello a través dun convenio coa Federación de ANPAS.
Nas actividades está prevista a participación de máis de 160 nenas e nenos coruñeses, con idades comprendidas entre os 3 e 5 anos, que disfrutarán de catro días de programación especial, na que a rapazada non só compartirá xogos, senón tamén a experiencia de interactuar con outros compañeiros diferentes aos que conviven a diario.
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, puxo en valor esta iniciativa, apuntando que "os encontros lúdicos concibíronse para que as novas xeracións socialicen entre elas, disfruten e interioricen, por exemplo, valores como compartir, colaborar de forma colectiva e traballar en equipo".
Neste sentido, o calendario de encontros lúdicos será os días 12, 15, 16 e 17 deste mes, cos CEIP Manuel Murguía, María Barbeito, Sal Lence e San Francisco Xabier como sedes.
Ademais, en paralelo ás xornadas lúdicas, que incluirán actividades de exploración e aventura, tamén haberá encontros deportivos de baloncesto no CEIP Sal Lence (o venres 12, coa participación do alumnado do propio Sal Lence e do CEIP Zalaeta; e o mércores 17 co Sal Lence e CEIP Víctor López Seoane), de xadrez no Fórum Metropolitano (sábado 13, cos CEIP Concepción Arenal, Juan Fernández Latorre, María Barbeito, Torre de Hércules e Zalaeta) e de atletismo no CEIP Juan Fernández Latorre (xoves 18, co propio alumnado do Juan Fernández Latorre e o CEIP Víctor López Seoane).
Juan Ignacio Borrego destacou a aposta do Goberno de Inés Rey pola programación cultural e de lecer destinada aos máis pequenos, "fundamental para tender pontes entre os centros educativos da cidade, creando sinerxias entre eles e animando ás nenas e nenos a practicar actividade física e a desenvolver todas as súas habilidades".

27 de novembro de 2025

27 de novembro de 2025

27 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible