27 de xuño de 2016
A concelleira de Medio Ambiente participa esta tarde no Fórum na xornada 'A biodiversidade da Torre de Hércules: o noso patrimonio máis natural', dentro dos actos conmemorativos do VII aniversario da declaración do faro como Patrimonio da Humanidade
A concelleira de Medio Ambiente, María García, destacou este luns a "singularidade e representatividade" ambiental da contorna da Torre de Hércules e subliñou o potencial do faro e os seus arredores para "conxugar un turismo cultural cun turismo de natureza, que no centro dunha cidade pode gozar da observación duns valores naturais extraordinarios, abrindo o espectro e o potencial turístico desta contorna, tanto para visitantes como para a cidadanía'. García, que participa esta tarde, no Fórum Metropolitano, na xornada 'A biodiversidade da Torre de Hércules: o noso patrimonio máis natural', dentro dos actos conmemorativos do VII aniversario da declaración da Torre como Patrimonio da Humanidade, aposta nese sentido por estratexias turísticas que teñan como "foco de atracción" a Torre, "en harmonía cos valores naturais", tendo en conta que este é o principal refuxio da biodiversidade da cidade, en canto a especies animais e vexeitais silvestres.
Como sinala García, algunhas das intervencións municipais neste espazo estánse a modificar para tratar a zona como un espazo natural, e non como un xardín ou espazo verde urbano, e indica, a este respecto, que o Goberno local está estudando a figura de protección e conservación que resulte máis adecuada, e que viría sumarse ás medidas de protección como Patrimonio da Humanidade. Tamén, marca como obxectivo a longo prazo conectar a contorna da Torre con outros espazos naturais protexidos da comarca a través da ría do Burgo e o corredor fluvial ata o encoro de Abegondo-Cecebre, para facer un corredor de espazos naturais ata o Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes, que sirva para potenciar un turismo verde que se sume ao turismo cultural que atrae o monumento. Entre as medidas que xa se están a desenvolver neste ámbito desde o Goberno municipal, a concelleira destaca o estudo de hábitats e especies e plantas que se elabora, a través do Mapa da Biodiversidade, ou o proxecto piloto de Plan de Sega, dirixido a favorecer esta área como zona de cría de aves, bolboretas e outras especies, ou a protección das zonas máis sensibles, como as pozas, para a cría de anfibios.
A xornada desta tarde no Fórum aborda o potencial social, pedagóxico e turístico da contorna do faro e da súa riqueza ambiental e de biodiversidade co obxectivo de dar a coñecer os valores naturais incluídos neste espazo e, en especial, na zona declarada como Patrimonio da Humanidade. Ademais da concelleira de Medio Ambiente, intervén na sesión a directora da Torre de Hércules, Ana Santorum, o escritor e comunicador ambiental Antonio Sandoval e Elia Pérez, integrante do grupo naturalista Hábitat. "A conservación deste espazo é fundamental non só pola súa calidade paisaxística e ambiental, senón por supoñer a principal zona verde de gran tamaño plenamente natural no Concello", salienta a concelleira, que avanza que o obxectivo do Goberno local pasa tamén por "seguir potenciando o extraordinario potencial educativo que ten este espazo". A este respecto, lembra que é posible facer percorridos guiados de balde pola contorna para entidades e grupos de máis de cinco persoas, que se poden solicitar a través do correro educacionambientalcoruna@coruna.es.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible