Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de setembro de 2016

María García destaca "a celebración do carácter atlántico e sensibilización ambiental" do III Festival Mar de Mares, que comeza hoxe

A edil de Medio Ambiente salienta “a posta en valor das xentes e recursos do mar galego” que define a terceira edición do encontro, cuxa programación terá lugar en distintos recintos municipais

A concelleira de Medio Ambiente, María García, confirmou esta mañá o apoio do Goberno local á III edición do Festival Mar de Mares, que se celebrará do 21 ao 25 de setembro na cidade. A edil mostrou o compromiso do executivo coruñés coa proposta, que "celebra o carácter atlántico que todas e todos levamos dentro, e promove a sensibilización e corresponsabilidade para termar das nosas costas e océanos". Segundo a responsable municipal, o evento "conxuga cultura e medio ambiente" coa posta en valor "dos recursos vinculados aos nosos mares". Así o afirmou durante a presentación de Pel de Mar, do fotógrafo Xulio Villarino, "unha mostra que causa impresión no seu retrato das xentes do mar e a nosa xeografía", e que acolle a Sala de Exposicións Municipal Kiosco Alfonso. Durante o tempo de exhibición, ata o 27 de novembro, o recinto contará no seu interior co espazo de concienciación ambiental Actúa, e realizaranse visitas guiadas para escolares á mostra "para convidar ao alumnado á reflexión sobre a preservación dos nosos litorais", indicou García.

Durante a presentación, a concelleira expuxo algunhas das actividades do Festival que contarán co apoio municipal, como é a iniciativa Illa da Reciclaxe, un espazo no que se desenvolverán cuestións relativas a reutilización de residuos. A proposta, que se realizará nos xardíns de Méndez Núñez, contará coa instalación de contedores para pilas, baterías e aceite de cociña, co obxectivo de facilitar á cidadanía a separación do lixo en orixe, así como dun punto informativo no que estarán presentes as Bibliotecas Municipais.

 

A concelleira tamén avanzou que esta edición tamén servirá como punto de partida doutra das apostas municipais en relación a sensibilización e implicación activa da cidadanía, como é o programa de educación ambiental Móllate! Esta iniciativa "que tivo moi boa acollida o ano pasado", afirmou García, ten como obxectivo de convidar á mocidade, desde unha óptica positiva e constructiva, "a reflexionar e empoderarse na defensa dos océanos", nun proceso de concienciación na  a produción de residuos que van parar ao mar e as súas consecuencias para os ecosistemas mariños. O programa, que se desenvolverá ao longo do curso escolar nos institutos da cidade, terá como fito principal os festexos da noite de San Xoán, á fin de acadar unha celebración máis sustentable. A edil lembrou que este pasado mes de xuño, "reduciuse a cantidade de residuos" xa que o Goberno local "situou como prioridade esta cuestión desde a perspectiva da corresponsabilidade".

Entre a programación do Festival, os Museos Científicos coruñeses serán, un ano máis, sede de referencia do encontro. Así, a Domus acollerá mañá xoves, día 22, un parladoiro da Lucy Gilliam, investigadora e impulsora do proxecto eXXpedition, unha serie de travesías mariñas nun velero tripulado únicamente por mulleres coa finalidade de traballar e visibilizar a polución plástica das augas e o seu efecto na saúde. Neste encontro, que comezará ás 20.00 horas da tarde e será de entrada libre, tamén participará a regatista e campioa dos Xogos Olímpicos de Londres 2012 , Sofía Toro.

O recinto municipal da rúa Ángel Rebollo será o escenario tamén, o venres día 23, da proxección da longametraxe O legado das rías galegas, do fotógrafo vigués Jorge Candán. A cita, que suporá a estrea na Coruña deste traballo documental, terá lugar ás 20.00 horas e a entrada será gratuíta ata completar a capacidade do auditorio.

Para máis información sobre a programación e horarios das actividades, pode visitarse a web www.festivalmardemares.org

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión