Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de xuño de 2016

Máis de 190 persoas participarán no dispositivo especial de sensibilización e de limpeza das praias en San Xoán, que comezará ás 6.30 horas da mañá

A edil de Medio Ambiente, María García, apela á “corresponsabilidade e sentidiño para evitar que cheguen residuos ao mar” durante a celebración nas praias, que se desaloxarán desde as 6.00 am

O Concello porá en marcha os días 23 e 24 un dispositivo especial de sensibilización e limpeza das praias da cidade co gallo da celebración da Festa de San Xoán. A Concellería de Medio Ambiente despregará un servizo no que participarán 130 profesionais para axilizar as tarefas de limpeza tanto nas praias coma nas rúas da cidade e, ademais, disporá dun retén específico ao longo da madrugada para satisfacer calquera tipo de demanda que chegue motivada por fogueiras organizadas en lugares de especial coidado. A área que dirixe María García tamén contará con 64 persoas que realizarán labores de monitoraxe e sensibilización xunto aos 15 colectores de lixo situados nos areais da cidade, así como nos espazos habilitados ao longo do Paseo Marítimo coruñés nos que se poderán depositar os residuos segundo a orixe dos mesmos, orgánicos, inorgánicos, vidro e papel ou cartón.

Ás 06.00 horas do día 24 procederase ao desaloxo das praias para que, a partir das 06.30 horas, se poidan iniciar as tarefas de recollida de residuos. O persoal e a maquinaria dividiranse en dous equipos para axilizar o labor de limpeza. O primeiro grupo iniciará os traballos tanto no Paseo Marítimo como no areal de Riazor desde as 06.30 horas para continuar posteriormente no Orzán e Matadoiro. Neste continxente participarán entre 60 e 70 persoas e, a partir das 13.00 horas, terá un reforzo de máis de 20 profesionais, unha vez remate a limpeza nos barrios. Para este labor o equipo contará con 9 tractores, 5 palas mixtas, 2 camións compactadores, 3 alxibes, 5 barredoras tipo CityCat2020, 2 barredoras tipo CityCat5000, 3 camións portacolectores, 1 máquina limpiapraias e outros vehículos auxiliares, coma furgonetas, furgóns e 4x4.

O segundo grupo traballará no resto de praias urbanas. Comenzará o seu labor na praia de Oza e a continuación dirixirase por todos os areais da costa ata chegar ao Portiño, agás Riazor, Orzán e Matadoiro. Neste continxente participarán entre 20 e 25 operarios, e contarán coa axuda de 2 tractores, 1 camión compactador, 1 alxibe, furgonetas e furgóns. Unha vez rematen os labores de limpeza nas praias, os medios concentraranse no Orzán, co obxectivo de finalizar a tarefa o antes posible e, desde modo, habilitar de novo o uso da praia á veciñanza.

Ademais, para facilitar estes traballos, as avenidas do Paseo Marítimo desde Curros Enríquez ata Manuel Murguía permanecerán pechadas inicialmente ao tráfico durante a mañá do día 24, e a apertura de rúas realizarase a medida que as tarefas de limpeza avancen na dirección Riazor - Orzán. A previsión estimada da apertura ao tráfico da zona prevese ás 12.00 horas, aínda que podería retrasarse segundo o estado no que se atopen estes areais.

O dispositivo especial de limpeza reforzará as medidas postas en marcha polo executivo coruñés para acadar unha mellor xestión de residuos na noite de San Xoán. Das praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, San Amaro, As Lapas e Oza recolléronse o ano pasado 210 toneladas de residuos, e este ano, estes areais contarán con 15 espazos dotados de maior visibilidade -a través de globos con iluminación LED, bandeirolas e un equipo de monitoraxe- para o depósito de refugallos nas mesmas praias. Alén disto, ao longo do Paseo Marítimo tamén se habilitarán outras estruturas para facilitar a recollida de lixo separada en orixe, coa instalación de 32 contedores de materia inorgánia, 16 de orgánica, 15 de vidro e 6 de papel e cartón. En Riazor, na contorna do escenario onde actuarán desde as 23.00 horas Bastards, Os Diplomáticos de Monte Alto (00.15 h) e Siniestro Total  (01.30 h), haberá 8 colectores de lixo inorgánico e 3 de orgánico.

Sensibilización nos barrios e centros educativos

Por outra banda, a concelleira María García participou na mañá deste martes na presentación dunha furgoneta que achegará a distintos barrios da cidade, hoxe e mañá, as medidas medioambientais deseñadas polo Goberno local para acadar unha celebración de San Xoán máis sustentable. A edil destacou que é "fundamental" a colaboración e apoio cidadá para ter "unha noite de festexos e, á vez, de coidados ao patrimonio de todas e todos". A furgoneta espallará polos barrios unha serie de recomendacións, "un código de boas prácticas medioambientais para a Noite Meiga", segundo a responsable municipal, "para lembrar a necesidade de pasalo ben en San Xoán, pero á vez, con sentidiño, coidar a cidade, de xeito que a veciñanza estea orgullosa da cidade antes, durante e despois das festas", indicou. "O Goberno local está a traballar para que a xente o pase ben, coas condicións de seguridade necesarias", afirmou, "sen renunciar a coidar a contorna". Neste sentido, a titular de Medio Ambiente apelou á corresponsabilidade cidadá "e a implicación da mocidade" para evitar a xeración de residuos nas praias "e que cheguen residuos e plásticos ao mar", así como convidou á veciñanza a facer uso dos numerosos colectores de lixo e vidro que estarán  situados tanto nos areais e nos Paseo Marítimo, "xa que a separación en orixe tamén está vixente en San Xoán".

A furgoneta forma parte do programa de sensibilización Móllate, unha campaña informativa elaborada coa colaboración do alumnado de distintos centros públicos da cidade. Na mañá do martes achegarase ás portas de centros escolares, mentres que pola tarde situarase, entre as 16.30 e as 20.30 horas, no Campo da Leña, Praza de Lugo, Obelisco, Centro Comercial Cuatro Caminos, Estación de Autobuses e As Conchiñas. O mércores pola mañá atoparase no Campo de Marte, e os IES Ramón Menéndez Pidal, Urbano Lugrís, Elviña, Rafael Puga Ramón, Ramón Otero Pedrauyo e Monelos. Na súa visita ao IES de Elviña tamén percorrerá o Mercado e o Barrio das Flores. Xa pola tarde, situarase no Paseo Marítimo, tanto na Coraza coma na Fonte dos Surfeiros.

 

Documentos:

Situación dos depósitos de lixo e vidro nas praias (PDF) (4 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión