4 de xaneiro de 2016
A concelleira María García salienta que o emprego de produtos non tóxicos na limpeza da vía é unha cuestión "de saúde pública"
A Concellería de Medio Ambiente vén de poñer en marcha unha serie de actuacións para reducir a vexetación espontánea nas beirarrúas e estradas da cidade. A través dun tratamento “con métodos ecolóxicos e non tóxicos”, segundo sinalou a edil María García, durante todo o mes de xaneiro a empresa concesionaria de limpeza traballará para mellorar o estado da vía pública. O plan efectuarase coa retirada mecánica da vexetación e aplicación de vinagre, un produto que cumpre a normativa vixente recollida no Real Decreto 1311/2013. A lei limita o uso na vía pública de herbicidas, principalmente aqueles que conteñen glifosato, “un dos máis usados e prexudicial para a saúde segundo a OMS”, indicou García. “O concepto de limpeza viaria deste Goberno ten que ver con rúas libres de tóxicos e sustancias perigosas”, explicou a edil, quen fixo fincapé no manexo de produtos “inocuos” na vía pública e zonas verdes da cidade. “É unha cuestión de saúde pública e, á vez, de coidar o medio ambiente”, sentenciou.
A intervención comezou estes luns no Barrio das Flores, e desenvolverase até o día 10 de xaneiro. A continuación aplicarase en distintas zonas do municipio, como Cidade Xardín, Joaquín Planells, General Sanjurjo - Casablanca, Paseo das Pontes, Praza Luis Seoane, San Pedro de Visma, A Silva, Ventorrillo, Santa Gema - Palavea, A Regueira - Curramontes, Feáns, A Rosaleda, O Portiño e o Paseo Marítimo na zona de San Amaro, no que rematará o 28 de xaneiro.
A concelleira de Medio Ambiente sinalou que esta primeira actuación con produtos non tóxicos “terá continuidade” noutros espazos da cidade nos vindeiros meses. “No futuro perfeccionaremos as técnicas alternativas de control da vexetación espontánea nas rúas e estradas a través de melloras continuas que aumenten a eficacia”, afirmou.

13 de decembro de 2025

11 de decembro de 2025

4 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible