8 de novembro de 2016
Os novos equipamentos situados na Mariña teñen capacidade para recoller 12.000 litros de residuos inorgánicos, 9.000 litros de orgánicos, e 3.000 quilos de vidro e cartón respectivamente
A Concellería de Medio Ambiente procederá á retirada dos contedores que se atopan no centro da rúa Rego de Auga co obxectivo non só de humanizar un espazo de tanta relevancia histórica na cidade, senón tamén de dar cumprimento a unha demanda da veciñanza. En concreto, a petición parte de dúas asociacións da zona (Zona Comercial Obelisco e Hostelería da Mariña). A titular deste departamento municipal, María García, explica que a cidadanía da rúa manterá todas as súas necesidades cubertas "cos novos equipamentos situados na Mariña, ademais de noutras rúas da contorna". Está previsto que a retirada dos contedores de Rego de Auga --que irá acompañada dun proceso de limpeza integral-- se produza a próxima semana.
O departamento municipal de Medio Ambiente solicita á veciñanza que a partir dese momento empregue para depositar os seus residuos os contedores habilitados a tal efecto tanto na Mariña como na rúa Luchana. A capacidade das infraestruturas de ambos espazos sobrepasa con creces a dos contedores que serán retirados.
Os contedores de Rego de Auga teñen unha capacidade de recollida de 4.000 litros de residuos inorgánicos e 400 litros de orgánicos, mentres que os novos equipamentos da Mariña poden albergar 12.000 litros de inorgánico, 9.000 de orgánico, 3.000 de papel e 3.000 de vidro. Os contedores de Luchana engaden ademais unha capacidade de 2.000 litros. "A ubicación dos contedores en Rego de Auga era moi mellorable, sobre todo sendo unha rúa peonil e tendo en conta que xeraban molestias á veciñanza, especialmente nos períodos de gran afluencia, como verán e Nadal", sinala a concelleira de Medio Ambiente. "Do mesmo xeito que atendemos esta vella reivindicación veciñal, tamén solicitamos a colaboración da cidadanía e a hostalería da zona para que empreguen os novos equipamentos habilitados nas rúas contiguas nos horarios establecidos", di.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible