20 de decembro de 2019
A alcaldesa valorou a disposición xeral das distintas formacións políticas para chegar a acordos en beneficio da Coruña e abordou os cinco piares fundamentais nos que traballará o Goberno local en 2020 como son a Cidade das TIC, a Cuarta Rolda, o novo Chuac, a estación Intermodal e a nova Fachada Marítima
Preto de 500 veciños e veciñas participaron esta mañá na recepción institucional que organizou o Concello para dárllela benvida ao Nadal nun salón de plenos, que se ateigou cos membros da corporación municipal, de autoridades con sede institucional na Coruña e cidadáns e cidadás en xeral. A chegada dos convidados e convidadas estivo acompañada no hall do pazo de María Pita da música do Cuarteto da Escola de Música Municipal e o acto comezou coa entrega de premios ás persoas gañadoras do concurso de fotografía do Calendario Municipal.
Seguidamente, a rexedora fixo un balance construtivo da situación en que se atopa a cidade e abordou os cinco piares fundamentais nos que traballará o Concello en 2020 como son a Cidade das TIC, a Cuarta Rolda, o novo Chuac, a estación Intermodal e a nova Fachada Marítima, fitos que deberán coller forma en base ao diálogo que "non era un slogan senón unha obriga, que espero que todas as institucións estean dispostas a asumir".
Rey lembrou que "cando quixen identificar este mandato como o da amabilidade, estaba a me referir á nosa capacidade e á nosa obriga de chegarmos a acordos en beneficio da Coruña. Algúns deses acordos xa se produciron, grazas á boa disposición xeral de todas as formacións políticas presentes no Pleno, o cal quero agradecer".
A alcaldesa falou de que nestes seis meses de mandato multiplicouse o diálogo institucional e social, polo que se achegaron centos de persoas e entidades á alcaldía e ás diferentes áreas de goberno: "Incrementamos tamén o número de órganos de participación e representación da cidadanía e dos colectivos en que se integra e multiplicamos a frecuencia dos seus encontros" e anunciou o nacemento de dous consellos que atenderán as demandas socias e deportivas da cidade.
Ademais, sinalou que o feito de ser ela quen encabece a corporación responde a unha conquista colectiva, "con independencia de que me correspondese a min a inmensa honra de dar ese paso por todas e con todos" porque A Coruña foi o quilómetro cero do feminismo en Galicia, onde "a sororidade se practicaba moitas décadas antes de que nacese esta palabra". Contou a alcaldesa que en apenas un quilómetro arredor do Pazo de María Pita, deixaron a súa pegada Pardo Bazán, María Casares, Juana de Vega, Rosalía de Castro... e moitas outras pioneiras cuxas loitas aínda seguen vixentes.
Aludiu tamén Rei no seu discurso a un modelo propio de gobernabilidade como o municipalismo social que debe adaptarse aos tempos, pero que "consegue milagres como que no Castrillón dispoñan dunha biblioteca mellor que a única que hai en cidades importantes, ou que en Monte Alto conten con museos científicos de primeirísima liña", nunha Coruña reforzada á que aspira colocar de novo á cabeza de Galicia, como mínimo, "poñendo a funcionar a vetusta maquinaria municipal e contando, como merece, coas súas traballadoras e traballadores, dos que podemos estar orgullosas; buscando unha contratación máis áxil e poñendo sobre a mesa políticas comunitarias". Asimesmo, recordou que é tempo de actuar porque "se antes dicía que A Coruña dos anos 20 ten que volver a ser ambiciosa, agora quero engadir que esa ambición non debe despegarse nin un milímetro dos obxectivos da axenda da ONU 2030, coa cal asumimos o desenvolvemento sustentable, a accesibilidade, a redución de gases, unha estratexia metropolitana e o coidado da auga e dos recursos naturais, así como a aposta pola economía circular, verde e azul".
Rey rematou o discurso presumindo de ser a primeira alcaldesa da Coruña que naceu e medrou en democracia, por tanto, "son filla dunha Coruña aberta, vangardista e fiel á súa historia e personalidade; unha Coruña que non deixa a ninguén atrás e que pode volver facer destes Anos 20 unha década feliz".
Por último, os compoñentes do coro Cantabile interpretaron un pequeno repertorio de panxoliñas e a cidadanía alí presente pasou aos distintos salóns para brindaren polas festas. Tanto no Salón Real como no da Música, instaláronse pantallas para aqueles que non puideron entrar no de plenos e pola páxina web do Concello, tamén se retransmitiu o acto en streaming.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible