16 de setembro de 2026
As tradicionais Merendiñas da Torre volverán reunir á veciñanza o domingo no parque da Agra de San Amaro
O barrio de Monte Alto celebrará esta fin de semana unha nova edición das súas festas populares, incluídas no programa municipal de Festas de Barrio, cunha programación que combina música en directo, actividades familiares, cultura tradicional, recuperación da memoria democrática e encontros veciñais. O Concello destina 500.000 euros ás diferentes celebracións dos barrios durante este 2026.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia dunhas celebracións que "reflicten a personalidade dun dos barrios máis dinámicos e con maior identidade da cidade". "Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apoiando as festas populares como espazos de encontro e convivencia que fortalecen a vida comunitaria e a participación veciñal", sinalou.
A programación arrancará o sábado 19 de setembro ás 11.00 horas cunha alborada e pasarrúas a cargo do grupo Xebre. A xornada continuará coa sesión vermú protagonizada polos combos da Escola Municipal de Música, actividades infantís no Campo de Marte, unha foliada familiar organizada por Son D'Aquí, o pasarrúas-concerto de Brassica Rappa e os concertos de Portosanto e Alana, que pecharán a noite festiva na rúa da Torre.
O domingo comezará ás 12.00 horas cunha nova edición do Roteiro da Memoria Cívica do Barrio, un percorrido que terá lugar na contorna do Monumento aos Irmáns da Lexía e do antigo cárcere provincial e que servirá para reivindicar a memoria democrática e o compromiso cívico de Monte Alto.
As Merendiñas da Torre recuperan unha das tradicións máis emblemáticas do barrio
Un dos momentos centrais das festas chegará o domingo ás 13.00 horas coa celebración das Merendiñas da Torre, unha das tradicións populares máis singulares e queridas do barrio.
A actividade terá lugar no parque da Agra de San Amaro, na zona situada entre a avenida de Navarra e a rúa Torrente Ballester, xunto ao Memorial da Paz e da Liberdade. Organizada pola Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto-A Torre e pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a iniciativa recupera o espírito das antigas xuntanzas populares que formaron parte da vida social da contorna da Torre de Hércules durante décadas.
A xornada combinará comida popular, música tradicional e foliada aberta á participación da veciñanza, coa colaboración de entidades culturais do barrio e a presenza da agrupación Cántigas da Terra. O obxectivo é reivindicar unha tradición popular histórica ao tempo que se fomenta a convivencia e a creación de novos espazos comunitarios.

15 de setembro de 2026

12 de setembro de 2026

11 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible