Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de abril de 2026

O Ágora acolle este sábado unha nova edición de Oficios en Acción, con talleres gratuítos de artesanía para todos os públicos

As inscricións para as diferentes sesións xa están abertas ao público

O Concello da Coruña reafirma o seu compromiso co sector artesanal galego e colabora coa Asociación Galega de Artesáns na organización de Oficios en Acción, unha nova xornada de divulgación e posta en valor da artesanía que terá lugar o sábado 11 de abril no Centro Sociocultural Ágora. O evento, de acceso gratuíto e aberto a todos os públicos, busca achegar á cidadanía o traballo artesanal mediante obradoiros impartidos por profesionais do sector. Durante a xornada as persoas asistentes terán a oportunidade de participar en diferentes actividades de xoiería, lá, tea, papel...

O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, destacou a importancia de iniciativas como Oficios en Acción para a preservar e difundir das técnicas tradicionais da artesanía galega. "A artesanía forma parte do noso patrimonio cultural e merece un espazo de recoñecemento e promoción", afirmou. A programación do evento inclúe obradoiros especializados nos que os participantes aprenderán diferentes técnicas:

Aula 6

Víctor Ares: Elaboración de pezas feitas con técnica de churros ou copiando unha peza de mostra, para a reprodución de partes do corpo, nariz, boca, ollos, orellas... coa técnica do modelaxe. 10 persoas por quenda, sen inscrición previa. Pódese participar a partir dos 6 anos.

Mauve: Elaboración dunha peza de xoiería mediante a técnica de microfusión a partir dun modelo realizado en cera. Quendas de 3 horas. Mañá e tarde. 5 persoas por quenda. Só para adultos.

Aula 7

Casperlota: Obradoiro no que se crearán pequenas pezas, combinando deseño, técnica e creatividade con feltro de lá e bordado a man. Quendas de 1,5 horas. Dúas pola mañá e dúas pola tarde. 6 persoas por quenda. Pódese participar a partir dos 9 anos.

El taller muy secreto: Elaboración dun móbil de medusas de tea montado nun pao recollido na praia. Quendas de 3 horas. Mañá e tarde. 8 persoas por quenda. Só para adultos.

Aula 8

Hana no Boshi: Deseño e confección dun toucado con estrutura etérea en Sinamay, fibra vexetal natural. Imprescindible ter coñecementos básicos de costura. Quendas de 3 horas. Mañá e tarde. 6 persoas por quenda. Pódese participar a partir dos 13 anos.

Mioco Deseños: Obradoiro de pregado de libros. Os participantes poderán pregar as follas dun libro a través dunha plantilla con forma de corazón. Quendas de 3 horas. Mañá e tarde. 6 persoas por quenda. Pódese participar a partir dos 14 anos.

Aula 9

Artesanos del Altillo: Obradoiro de xoguetes en madeira, lixar, recortar con segueta, pintar, vernizar e montaxe do xoguete elixido. Quendas de 3 horas. Mañá e tarde. 9 persoas por quenda. Pódese participar a partir dos 4 anos.

Artesanía Nia: Elaboración de canudos co punto básico de Miyuki, para a creación dun colgante con forma de flor. Quendas de 3 horas. Mañá e tarde. 7 persoas por quenda. Participación a partir dos 13 anos.

Juan M. López Casás: Introdución as técnicas de encadernación artesanal. Quendas de 3 horas. Na quenda de mañá encadernación en tapa dura e pola tarde coa técnica de cosido vista semi rixida. 8 persoas por quenda. Pódese participar a partir dos 10 anos.

A organización lembra que os menores de idade deberán estar acompañados dunha persoa adulta durante as actividades. Ademais, debido á capacidade limitada, recoméndase realizar a inscrición previa a través da web www.galegadeartesans.org/oficiosenaccion/.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión