19 de febreiro de 2016
Xulio Ferreiro salienta que o acordo vai na liña do Goberno local “de colaboración máxima cos concellos da contorna que prestamos desde o primeiro día”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou na mañá deste venres un convenio de colaboración co seu homólogo en Sada, Benito Portela, que permitirá a ambos os dous concellos compartir material e persoal dos servizos de emerxencias, salvamento e extinción de incendios, así como darse apoio mutuo, o que supón, en palabras do rexedor coruñés, “un paso máis para construír área metropolitana, máis alá das fórmulas xurídicas que no futuro cheguemos a plantexar”. “O máis importante é a colaboración material e niso estamos dando pasos desde o primeiro día”, recordou Ferreiro, que aludiu ao traballo que se está a desenvolver “noutras moitas vías, a través de novos proxectos estratéxicos e mesas para tratar desde urbanismo ata servizos públicos, que temos en constitución”. “O convenio vai na liña do que está sendo a actitude do Concello da Coruña de colaboración máxima cos gobernos municipais da contorna”, incidiu Ferreiro, quen recordou que desde o cambio de goberno na cidade “os bombeiros da Coruña saen sen importarlles cal é o termo municipal onde está o incendio ou a emerxencia”.
O convenio subscrito hoxe en María Pita promove a colaboración dos concellos da Coruña e Sada, co obxectivo de mellorar a prestación dos servizos de extinción de incendios, salvamento e emerxencias nos dous municipios, e para iso establece un marco de cooperación polo que o Concello de Sada prestará apoio á Coruña a través do persoal de emerxencias cando así se requira e A Coruña cederá de xeito gratuíto a Sada material e medios antiincendios e de salvamento que teña previsto dar de baixa e estean en bo estado. O acordo estipula tamén que ambos os dous concellos intercambiarán materiais para impartir formación ao persoal integrante nestes servizos; para iso, A Coruña terá en conta a Sada nos cursos que se fagan para o persoal do servizo de extinción de incendios e salvamento. Do mesmo xeito, o documento impulsará a creación dunha comisión de seguimento, que se reunirá, polo menos, unha vez ao ano, para analizar a aplicación e interpretación deste convenio.
A este respecto, o rexedor de Sada salientou ao remate do acto o traballo que está desenvolvendo o concello coruñés “para a homoxeneización de servizos en toda a comarca” e subliñou a importancia de “optimizar recursos materiais” e “dunha formación adecuada e que evite grandes desprazamentos”, tal e como permite o convenio, polo que se poderán aproveitar medios. “Poder compartir recursos, para nós é fundamental”, valorou Portela.
Asentamentos precarios
Por outra banda, Ferreiro informou de que o Goberno local vén de iniciar, dentro do plan de acceso á vivenda digna, o proceso de censo de persoas que residen en asentamentos precarios no municipio, para poder iniciar un achegamento individualizado e ir adoptando medidas para “darlle a estas persoas unha solución vital integral, que non sexa simplemente un traslado dun lugar para outro”. Tal e como indicou, o equipo de Goberno traballa “desde hai meses” nesta materia a través da comisión mixta que integran os concelleiros de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, e Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, así como técnicos destes departamentos municipais e representantes de Emvsa e de Arquitectura sen Fronteiras. “Ese traballo interdisciplinar é necesario se se quere acabar con este problema”, considerou o primeiro edil.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible