5 de febreiro de 2019
Xulio Ferreiro salientou “o paso dado onte polo goberno galego”, que mantivo un encontro con representantes do ente que aglutina empresas do ámbito tecnolóxico. “Este proxecto é fundamental non só para crear emprego, senón tamén para mantelo”, apuntou
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, convidou esta mañá a Xunta de Galicia a sentarse xunto con Concello, Universidade da Coruña (UDC) e Clúster TIC para "tirar do carro" e facer unha realidade o proxecto da Cidade das TIC, que tamén conta co aval do Ministerio de Defensa e que pretender crear na cidade un polo tecnolóxico que aúne ao sector empresarial e ao do ámbito da investigación. En declaracións ante a prensa antes de participar no Seminario sobre a Axenda Urbana Española, o rexedor saudou o feito de que no día de onte, o conselleiro de Industria e outras representantes da Xunta mantiveran un encontro co presidente do Clúster TIC no que evidenciaron a idoneidade da cidade como espazo no que configurar un parque tecnolóxico. "Onte vimos un sinal positivo. Agora, o bo sería que o goberno galego sentase con todos os actores implicados e que, entre os catro, tirásemos do mesmo carro, sen buscar escusas nin problemas", dixo. "O proxecto da Cidade das TIC non é excluínte, para nada entorpece outros proxectos importantísimos para a cidade como é o da ampliación do Chuac", manifestou.
"Nun momento no que estamos a ver como empresas da nosa cidade teñen problemas, como é o caso de Alcoa e de Isowat, cómpre reflexionar sobre o futuro económico da cidade", advertiu o primeiro edil. "Nestes momentos de profundo cambio, debemos coidar de todo o emprego pero, ademais, debemos apostar polo sector da innovación. Neste contexto, o proxecto da Cidade das TIC antóllase fundamental non só para crear, senón tamén para manter emprego na cidade", insistiu.
Coruña Próxima 2030
Na súa intervención no seminario deste martes, o rexedor referiuse ao proxecto da Cidade das TIC tanto como exemplo de creación de sinerxias entre os diferentes axentes que conforman a cidade como de plasmación en accións concretas dos obxectivos que pode conter unha axenda urbana, como a que deseña o goberno local, Coruña Próxima 2030. "Temos que asumir que a nosa capacidade de resposta actual ante situacións como as deslocalizacións industriais ou o cambio climático precisan dunha estratexia e dunha planificación. Pero non pode limitarse a ser unha estratexia dende os instrumentos do goberno local: ten que ir máis alá, ten que ser relacional", explicou Ferreiro, quen reflexionou no seminario sobre a importancia de que o proceso de creación da axenda se realice de abaixo cara a arriba para "facer unha escoita activa da comunidade e poder crear así unha verdadeira axenda da cidade". Neste sentido, o alcalde explicou que o Concello está tecer colaboracións con ONU-Hábitat e co Ministerio de Fomento xa a elaboración da axenda urbana da Coruña será "un proxecto piloto e pioneiro" e servirá como guía na creación doutras axendas no Estado.
Ao fío, o alcalde indicou que as estratexias urbanas da cidade serán elaboradas tendo en conta tanto ao tecido social como ao empresarial da cidade, así como todos os sectores implicados no seu desenvolvemento. "Coa Universidade da Coruña estamos a deseñar unha estratexia metropolitana de innovación, a InnovaCM, para avanzar no futuro económico da cidade. Somos dúas institucións que non teñen realmente grandes competencias na economía, pero que poden, dentro das súas posibilidades, impulsar proxectos que nos acheguen a obxectivos como os do ODS", exemplificou. Precisamente, dixo, a Cidade das TIC é un proxecto concreto "no que se pode materializar este esforzo" e que pode permitir crear "un ecosistema de innovación na Coruña, para que aproveite aínda máis e consolide a súa posición referente no ámbito das TIC para o Noroeste do Estado".
Ferreiro lembrou que as cidades xogan un papel esencial na posta en marcha de solucións que respondan a retos globais que non se asocian a miúdo aos municipios pero que si están nas axendas diarias de alcaldes e alcaldesas. "É así porque as cidades, as administracións locais, estamos ao final da cadea, ao final do rango normativo, pero atendemos ao 70% da poboación, que actualmente vive en entornos urbanos. Esta é unha tendencia que non parará de crecer, segundo as previsións, polo que podemos vaticinar que non deixarán de crecer tampouco as responsabilidades dos concellos. A importancia global das cidades é xa un feito incontestable, como son as súas contribucións aos desafíos globais", manifestou. Neste contexto, explicou que o Concello da Coruña leva meses traballando na súa axenda urbana, que se concreta nun traballo de planificación das políticas urbanas concretas para poder aterrar nas cidades os grandes retos que ten a sociedade española e o mundo a través dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nas Nacións Unidas. O Goberno local está agora nunha fase "previa pero necesaria, de diagnose" que evolucionará ata converterse nun Plan de Acción Local primeiro e en investimentos concretos do orzamento de 2020 despois.
Coruña é pioneira na elaboración dunha axenda urbana como tamén o foi o Eixo Atlántico do que o Concello forma parte, lembrou Ferreiro, xa que esta guía estratéxica "foi a primeira en estar aprobada no noso país e case no marco europeo". "A partir de aí estamos desenvolvendo un traballo de colaboración tanto con ONU-Hábitat como co Ministerio de Fomento de xeito que imos ser proxecto piloto para toda España de cara a implementar os plans de acción da axenda urbana", explicou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible