Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de outubro de 2016

O alcalde saúda a “vontade” de Carballo por sumarse á conformación da área metropolitana e salienta o seu “papel relevante, tanto en fluxo de persoas como económico”, para a comarca

Xulio Ferreiro trasladará aos alcaldes e a alcaldesa asinantes da Declaración de María Pita o interese do rexedor de Carballo por sumarse ao proxecto para a elaboración da Lei da Área Metropolitana da Coruña, tal como este lle confirmou esta mañá

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo este martes unha xuntanza co seu homólogo en Carballo, Evencio Ferrero, para analizar as posibilidades de ter en conta a este concello no proceso no que A Coruña leva meses traballando xunto cos alcaldes e a alcaldesa integrantes do Consorcio das Mariñas para a construción da área metropolitana, que deu un paso adiante a semana pasada coa sinatura, por parte da Coruña, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada, Betanzos e Bergondo da chamada Declaración de María Pita, a manifestación institucional que plasma o compromiso por impulsar a creación dunha Lei de Área Metropolitana da Coruña. "O alcalde Carballo amosou o seu interese por participar na construción política da área metropolitana, e eu trasladarei aos asinantes e á asinante da Declaración ese interese, e o interese de que esta parte da área metropolitana se incorpore tamén nos traballos técnicos que estamos desenvolver, para, nun futuro, poder discutir aspectos máis concretos", avanzou Ferreiro, quen salientou "as relacións evidentes que existen, e o papel relevante de Carballo, tanto nos fluxos de persoas como nos económicos". "Desde o punto de vista da promoción económica, ordenación do territorio ou da mobilidade, creo que se trata dunha parte da comarca e como tal hai que contar con ela", considerou o primeiro edil coruñés.

Na mesma liña, o rexedor carballés explicitou o interese de Carballo "por facer achegas e, ao tempo, facer valer ese fluxo que existe desde a comarca de Bergantiños; desde Carballo, A Laracha, Arteixo e A Coruña, que é permanente e bidireccional, e que ten importancia tanto no económico como en canto a mobilidade, cunha gran cantidade de persoas e de profesionais que se move entre estes puntos". "Tentaremos achegar a nosa visión periférica, cremos que o modelo urbano das Mariñas non se perfeccionaría se non se teñen en conta todas estas circunstancias", manifestou Evencio Ferrero.

Ao remate da reunión que tivo lugar en María Pita, o alcalde coruñés confirmou que será na xuntanza fixada para o vindeiro mes cos alcaldes e coa alcaldesa asinantes e con aqueles concellos que se teñan adherido nese momento, cando dará traslado formal da vontade de Carballo de sumarse a este proxecto, da que, sinalou Ferreiro, "todos estaban xa ao tanto e sobre a que había unha boa receptividade". "Aquí todo o mundo quere sumar e non hai ningún elemento discordante", incidiu, e, nese sentido, destacou a "relación fluída" que existe cos tres alcaldes que non se incorporaron como asinantes iniciais da declaración institucional de María Pita. "Estou convencido de que é unha cuestión de tempos, porque todos estamos de acordo na idea base, que é a necesidade de construción dunha área metropolitana e do impulso desa Lei", considerou Ferreiro, quen tamén adiantou que o Goberno coruñés trasladará a Declaración de María Pita ao vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o 7 de novembro, para a súa ratificación.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión