Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de maio de 2024

O Aquarium Finisterrae celebra diversos actos con motivo do seu 25 aniversario

O 5 de xuño presentarase un selo conmemorativo e unha exposición filatélica sobre temas mariños. Xa o sábado 8 de xuño celebrarase unha xornada de portas abertas, para a que haberá que realizar unha reserva de entradas

O 5 de xuño o Aquarium Finisterrae cumpre 25 anos, unha data con dúas sinaladas efemérides para este centro, pois inspiraron a súa creación e os seus contidos, dedicados á conservación e a educación: o Día Internacional do Medio Ambiente, e a saída de Alexander von Humboldt do porto da Coruña nunha expedición de descubrimento científico. O Goberno de Inés Rey está a impulsar este ano diferentes actos para conmemorar o cuarto de século dun dos Museos Científicos Coruñeses.

Con este motivo e, en colaboración coa Sociedade Filatélica da Coruña, poñerase en circulación un selo oficial emitido por Correos a través da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre que lembra o aniversario, ilustrado cunha imaxe dun dos emblemas do Aquarium Finisterrae, a sala Nautilus. Estes selos, acompañados dunha tarxeta portadora, estarán dispoñibles para os coleccionistas na Sociedade Filatélica da Coruña.

Ademais, presentarase unha exposición filatélica sobre temas mariños, que quedará instalada no Aquarium Finisterrae entre o 5 e o 25 de xuño. Esta exposición, realizada grazas á colaboración de tres coleccionistas, inclúe aproximadamente 500 selos, emitidos principalmente durante o século XX, tanto nacionais como estranxeiros. A exposición está formada por 3 coleccións:

  • «Fillos da auga», que mostra a diversidade de especies de peixes.
  • «A pesca», que aborda as diferentes técnicas e artes empregadas nesta actividade.
  • «Os grandes mamíferos do mar», dedicada ás baleas.

Xornada de portas abertas

Os actos de celebración do 25 aniversario continuarán o sábado 8 de xuño, Día Mundial dos Océanos, cunha xornada de portas abertas, de entrada gratuíta. Para visitar o Aquarium Finisterrae este día será imprescindible realizar unha reserva previa de entradas. A xornada completarase ás 12.00 horas, cun concerto no que participarán a Banda Municipal da Coruña e o proxecto MIP. A este evento poderán asistir as persoas que reservasen entradas para o Aquarium Finisterrae neste 8 de xuño.

O proxecto MIP (Músicas Inclusivas e Participativas) nace no ano 2016 da unión da Asociación Cultural Tres por Cuatro e o músico, compositor e técnico sociosanitario coruñés Robert Pier. Acompañado pola Banda Municipal de Música da Coruña, dirixida por Juan Miguel Romero Llopis, e en colaboración con entidades como Adaceco, Apem, Aspronaga, CAPD ou Fundación Adcor, interpretará os "Mantras das Emocións", con arranxos musicais de Adrián Saavedra Nieto. Os "Mantras das Emocións" (aceptación, amor, felicidade, gratitude, odio ou tristeza) proveñen dun concepto hindú que se fundamenta na interpretación de obras musicais curtas e circulares ás que se lles atribuíu certo poder curativo. Ademais de cantar, convérsase sobre como transitar as emocións, como aceptalas como parte da experiencia humana e como deixalas ir cando resulta necesario.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión