19 de febreiro de 2026
A Piscina Municipal de Riazor e o Club do Mar acollerán as dúas citas autonómicas, cunha destacada participación feminina
A Coruña será esta fin de semana escenario de dúas citas destacadas do calendario autonómico de salvamento e socorrismo, que reunirán na cidade a máis de 200 deportistas de distintas categorías procedentes de clubs de toda Galicia.
O sábado 21 de febreiro celebrarase o Campionato Galego Infantil de Piscina de Salvamento e Socorrismo na Piscina Municipal de Riazor, mentres que o domingo 22 terá lugar o Festival Alevín de Salvamento e Socorrismo de Piscina no Club do Mar.
Segundo os datos facilitados pola organización , o campionato infantil contará coa participación de 115 deportistas, nados nos anos 2014 e 2015, pertencentes a nove clubs galegos. A competición desenvolverase en dúas sesións, de mañá (10.30 a 13.00 horas) e de tarde (16.30 a 19.30 horas), e incluirá probas como os 100 metros con obstáculos, remolque de maniquí, relevos e probas combinadas.
Trátase da cita autonómica máis importante en piscina nesta categoría, ademais dunha proba clave de preparación antes do Campionato Nacional que se disputará en marzo en Bétera. Cómpre salientar, ademais, que a participación feminina supera o 50 % das inscricións, reflectindo o crecente protagonismo das mozas nesta disciplina deportiva .
Pola súa banda, o domingo 22 celebrarase no Club do Mar o Festival Alevín, no que participarán 85 deportistas menores de 10 anos, tamén pertencentes a nove clubs de toda Galicia . O evento desenvolverase nunha única sesión de tarde, de 16.00 a 18.30 horas, e constitúe unha xornada de iniciación e primeiro contacto co formato competitivo deste deporte.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, salientou a importancia de que a cidade acolla este tipo de eventos e destacou que "é unha satisfacción que A Coruña sexa sede de campionatos autonómicos que fomentan o deporte base e visibilizan disciplinas como o salvamento e socorrismo". O edil lembrou ademais que o salvamento e socorrismo non é só unha modalidade deportiva, senón tamén unha preparación constante para salvar vidas, na que cada adestramento combina esforzo, técnica e compromiso cos demais. Así mesmo, asegurou que o Concello continuará apoiando iniciativas que impulsen a práctica deportiva desde idades temperás.
A celebración destas probas reforza a aposta municipal polo deporte base e pola promoción de hábitos de vida saudables entre a mocidade, unha liña de traballo na que o Goberno de Inés Rey vén incidindo ao longo do mandato mediante a mellora continua das instalacións deportivas e o apoio ás entidades da cidade.
Desde o Concello considérase que organización destas dúas citas deportivas contribúen tamén á dinamización das instalacións municipais e á proxección da cidade como referente na acollida de competicións de ámbito autonómico.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible