Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de decembro de 2023

O ciclo ‘Documental do mes’ enriquecerá a programación do Fórum Metropolitano a partir de xaneiro

Esta actividade, que se viña programando ata o de agora no Ágora, proxectará documentais de gran calidade

O ciclo 'Documental do mes' terá lugar a partir do vindeiro mes de xaneiro no Fórum Metropolitano, enriquecendo a súa programación cultural e cinematográfica. O programa impulsado polo Goberno de Inés Rey, que ata o de agora se viña programando no Centro Sociocultural Ágora, achega á cidadanía diferentes propostas de gran relevancia e calidade o primeiro xoves de cada mes.

O ciclo proxectarase na sala Marilyn Monroe ás 20.00 horas e a entrada terá un prezo de 3 euros, 2 euros con desconto para persoas xubiladas e pensionistas, desempregado/as e carné Xove. Deste xeito, o Goberno municipal amplía a oferta de proxeccións do Fórum Metropolitano, que xa conta con outros ciclos de cine de grande éxito entre as persoas usuarias, consolidándose así como centro de referencia na Coruña na programación cinematográfica.

A programación do mes de xaneiro a xuño xa está dispoñible e inclúe propostas de diferentes países e temáticas que exploran cuestións como a música, os dereitos das mulleres, e educación ou a explotación laboral. As persoas asistentes poderán valorar, unha vez finalizada a proxección, os documentais e estes optarán ao Premio Docs do Mes, que se entregará no Festival DocsBarcelona.

Documentais de xaneiro a xuño

Xaneiro:

Alis de Clare Weiskopf e Nicolas van Hemelryck. Colombia, Romanía, Chile (2022)

  • Duración: 84 minutos.
  • Sinopse: Un grupo de adolescentes que viven nunha casa de acollida de Bogotá reciben a invitación de pechar os ollos e imaxinar a vida dunha compañeira ficticia chamada Alis. A medida que a ficción toma forma as mozas fanse conscientes do ciclo de violencia no que viviron. Con todo, o Alis dálles a oportunidade de soñar un futuro mellor.

Febreiro:

Domingo, Domingo de Laura García Andreu. España (2023)

  • Duración: 71 minutos.
  • Sinopse: Divertido documental no que un agricultor de laranxas valenciano tentará plantar cara á opresión que as multinacionais exercen sobre os humildes traballadores da terra. Para conseguilo, patenta unha nova mandarina que está a idear en segredo.

Marzo:

Pequeña Escuela de Lydie Wisshaupt-Claudel. Bélxica (2022)

  • Duración: 90 minutos.
  • Sinopse: Marie e Juliette deixaron o ensino tradicional para abrir no corazón de Bruxelas a "Petite École", acollendo nenos que non foron nunca á escola, a miúdo en situación de exilio. Ofrécenlles espazo e tempo, afastados dos procesos de aprendizaxe académica formal, para ser ou volver ser nenos, antes de enfrontarse a unha institución escolar. Mentres se esforzan e articulan a súa pedagoxía, a película lévanos a cuestionar o sistema escolar convencional.

Abril:

Breaking Social de Frederik Gertten. Suecia (2023)

  • Duración: 83 minutos.
  • Sinopse: Todas as sociedades baséanse na idea dun contrato social. Dinnos que, se traballamos duro, se tratamos ás outras persoas con respecto, se xogamos coas regras, teremos unha recompensa. Pero logo están os rompedores de regras. Aqueles que fan uso dos paraísos fiscais e obteñen beneficios sen devolvelos á sociedade. BREAKING SOCIAL explora as posibilidades de superar a inxustiza e a corrupción. Unha película sobre reimaxinar os compoñentes das nosas sociedades e acender as sementes da esperanza que viven dentro de cada un de nós.

Maio:

A life like any other de Faustine Cros. Bélxica, Francia (2022)

  • Duración: 68 minutos.
  • Sinopse: O pai de Faustine inmortalizou nas películas familiares os momentos máis bonitos da súa vida, ou iso é o que el pensaba. Hoxe, a cineasta volve visitar estes filmes para explicar outra historia: a dunha muller que ve que o seu papel de nai, aos poucos, quítalle a liberdade.

Xuño:

Pianoforte de Jakub Piatek. Polonia (2022)

  • Duración: 91 minutos.
  • Sinopse: Considerado como un dos concursos máis prestixiosos da música clásica, o Concurso Internacional de Piano Chopin, celebrado en Varsovia cada cinco anos desde 1927, foi un punto de partida para virtuosos do piano como Krystian Zimerman, Mitsuko Uchida, Kevin Kenner e Vladimir Ashkenazy. A competición en si é unha auténtica montaña rusa dunha viaxe clásica, con regras de clasificación extremadamente duras, múltiples etapas, xurados lendarios (Arthur Rubinstein) e moita presión.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión