29 de agosto de 2026
A cita chega este ano á súa 85 edición, consolidada como unha das competicións deportivas con maior tradición na cidade
A histórica proba, que conta coa colaboración do Concello da Coruña, comezará ás 12.00 horas e terá un percorrido aproximado de 1.200 metros
A enseada de San Amaro acollerá este domingo, 30 de agosto, unha nova edición dunha das citas con maior tradición do calendario deportivo coruñés, a LXXXV Travesía a Nado á Enseada de San Amaro, organizada polo Club do Mar de San Amaro coa colaboración do Concello da Coruña.
A proba dará comezo ás 12.00 horas e conta este ano con 363 persoas inscritas, que afrontarán un percorrido aproximado de 1.200 metros polas augas da enseada. A participación na travesía é gratuíta e o prazo de inscrición, aberto desde o pasado 1 de agosto, xa está pechado.
A saída realizarase desde a praia de San Amaro e o percorrido desenvolverase pola enseada, nun escenario estreitamente ligado á historia da natación e dos deportes de mar na Coruña.
O Concello colabora un ano máis coa organización desta proba, que chega á súa 85 edición e que constitúe unha das citas deportivas máis arraigadas na cidade. A travesía reúne cada ano nadadoras e nadadores de diferentes idades e procedencias, contribuíndo tamén a poñer en valor a relación histórica da Coruña co mar e a actividade das entidades deportivas locais.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou "a importancia de seguir apoiando iniciativas que forman parte da tradición deportiva da Coruña e que, ademais, fomentan a práctica deportiva e permiten desfrutar dunha contorna privilexiada como a enseada de San Amaro".
Vázquez puxo tamén en valor o traballo desenvolvido polo Club do Mar ao longo da súa historia, "unha entidade profundamente vinculada á cidade e ao barrio de Monte Alto, que leva décadas promovendo o deporte e contribuíndo a transmitir entre xeracións a estreita relación da Coruña co mar".
Unha proba ligada á historia deportiva da cidade
A historia da travesía está estreitamente relacionada coa do propio Club do Mar de San Amaro, entidade que ten a súa orixe no ano 1935, cando un grupo de usuarios habituais da praia de San Amaro impulsou a súa creación. Ao longo das décadas, o club consolidouse como unha das entidades deportivas e sociais históricas da Coruña, cunha ampla actividade vinculada ao deporte e ao mar.
A elevada participación prevista para este domingo volve amosar o arraigamento da travesía. Os 363 inscritos nesta 85 edición sitúanse nunha cifra próxima aos 378 rexistros contabilizados na edición celebrada en 2025.
Na pasada edición, os vencedores absolutos foron Lucas Costa Fernández, do Club Natación Ponteareas, que completou o percorrido en 16 minutos e 5 segundos, e Noa Borrazás Rodríguez, do Sporting Club Casino, cun tempo de 16 minutos e 55 segundos.
A celebración desta nova edición dá continuidade á colaboración do Concello co tecido deportivo local e ao apoio ás entidades que promoven a práctica deportiva e organizan actividades abertas á participación cidadá. O Goberno municipal mantén así a súa aposta por favorecer o deporte en todas as idades e por apoiar competicións que, como a Travesía a Nado á Enseada de Santo Amaro, forman parte da memoria e da identidade deportiva da Coruña.

28 de agosto de 2026

27 de agosto de 2026

23 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible