2 de marzo de 2016
A compañía Talía Teatro estrea mañá á peza ás 20.30 horas no Rosalía, onde se representará tamén o venres e o sábado
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou na mañá deste mércores da presentación da peza teatral Foucellas, que a compañía Talía Teatro estrea mañá xoves, ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía, unha obra que serviu ao responsable municipal para poñer en valor o papel da arte “como contribución necesaria ao esclarecemento da historia e, neste caso, case diríamos que descubrimento da memoria”. Neste sentido, Sande salientou a achega desta obra “como indagación sobre esa nosa historia non tratada”, e aludiu á figura do “Foucellas maquis, resistente, figura histórica”, pero tamén a “todos eses foucellas que podemos ser”. Na mesma liña, o autor do texto e director da obra, Cándido Pazó, describiu o espectáculo como unha reflexión, a partir do personaxe, “sobre conceptos que atinxen a Foucellas pero que sobre todo atinxen aos foucellas, aos resistentes”. “Facemos unha mistura dos dous conceptos, da persoa concreta, Benigno Andrade, e o que a persoa representa, para reflexionar sobre a resistencia”, indicou, para matizar que a obra “non é un biopic”.
Na presentación participaron tamén o director da compañía, Artur Trillo, e os actores María Ordoñez, Dani Trillo e Toño Casais. Do mesmo xeito, interveu no acto Jacobo Sutil, o director do Agadic –ente que presta apoio económico á produción–, quen puxo de relevo o papel do teatro Rosalía, por “terse constituído nesta tempada teatral nun espazo destacado e destacable, pola cantidade de funcións inaugurais para a escena galega que está a acoller” e quen loou a programación do IMCE, “polo intenso e continuado compromiso coa difusión da danza e o teatro producidos en Galicia”.
Os pases no Rosalía serán, tanto na estrea como o venres e o sábado, ás 20.30 horas. As entradas están dispoñibles nas canles habituais –despacho de billetes da praza de Ourense, no teléfono 902 044 226 (de luns a venres de 9 a 22 horas, sábados de 14 a 22 horas) e na plataforma www.ticketea.com, ademais de no despacho do mesmo Teatro Rosalía os días de función , entre as 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas– a prezos que van desde os 6, 50 aos 14 euros, con descontos do 20% para persoas posuidoras do Carné Xove, desempregadas ou de máis de 65 anos. As persoas con abono do Ciclo Principal Primavera 2016 poderán obter un desconto do 25% nesta estrea, como xa fixeron cos espectáculos Palabras malditas, Raclette e Zugunruhe, obras que compañías galegas presentaron estre trimestre nas táboas do teatro de Riego de Auga.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible