13 de novembro de 2025
O programa ofrece 144 prazas para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, con dúas quendas durante as vacacións escolares e cun prezo reducido para as familias con menos recursos
O Concello da Coruña abrirá mañá, venres 14 de novembro, o prazo de preinscrición para participar nos Campamentos Deportivos do Nadal 2025-2026, unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Deportes co obxectivo de promover hábitos de vida saudables entre a infancia e que forma parte das políticas para fomentar a conciliación postas en práctica polo Goberno de Inés Rey.
A actividade está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, nados/as entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2019. Terán preferencia aquelas persoas empadroadas no termo municipal da Coruña.
Ofértanse un total de 144 prazas, organizadas en dúas quendas de 72 prazas cada unha:
As actividades desenvolveranse na Cidade Deportiva de Riazor e incluirán disciplinas como atletismo, loita, defensa persoal, bádminton, xadrez, xogos acuáticos e actividades ao aire libre ou na natureza, entre outras.
O horario xeral será de 09.00 a 14.00 horas, aínda que se ofrece un horario ampliado de conciliación, con entrada desde as 08.30 horas e saída ata as 14.30 horas, sen custo engadido.
O proceso de solicitude consta de dúas fases diferenciadas:
A matrícula require o pago da taxa e a entrega da documentación obrigatoria. Quen non formalice a inscrición no prazo establecido perderá a praza, que será asignada a través da lista de agarda.
A taxa por participar nunha quenda do campamento é de 35,04 euros por menor. As familias con rendas inferiores ao IPREM anual poderán beneficiarse dunha bonificación do 50 %, segundo a ordenanza fiscal municipal.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou o valor social da iniciativa: "Estes campamentos non só favorecen o acceso ao deporte desde idades temperás, senón que tamén permiten ás familias organizarse mellor durante os días non lectivos. É unha resposta concreta ás necesidades reais da veciñanza".

5 de decembro de 2025

3 de decembro de 2025

2 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible