11 de marzo de 2026
As entidades poderán presentar as súas solicitudes ata o 10 de abril para financiar proxectos de interese social e iniciativas de dinamización veciñal ao longo do ano
O Concello da Coruña abre hoxe o prazo de solicitude de dúas convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, cun importe global de 185.000 euros. O prazo permanecerá aberto entre o 11 de marzo e o 10 de abril, e as solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica municipal.
Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, subliñou que "estas convocatorias son unha ferramenta clave para fortalecer o traballo que desenvolven cada día as entidades sociais e as asociacións veciñais nos barrios da Coruña". A concelleira destacou tamén que "o obxectivo do Goberno de Inés Rey é acompañar ao tecido asociativo con procedementos claros, financiamento público e estabilidade para que poida seguir xerando cohesión social, participación cidadá e apoio ás persoas que máis o precisan".
A primeira das convocatorias, dotada con 125.000 euros, está dirixida a entidades sen ánimo de lucro para financiar actividades ou proxectos de interese social no ámbito dos servizos sociais comunitarios. Poderán subvencionarse actuacións de promoción e reinserción social, prestación de servizos sociais e, en xeral, iniciativas que persigan un interese social no termo municipal da Coruña durante o ano 2026. Cada entidade poderá presentar un máximo dun proxecto, cunha contía máxima de 8.000 euros, e o orzamento subvencionable poderá acadar ata o 90 % do total.
A segunda convocatoria conta cun crédito global de 60.000 euros e está orientada a reforzar o tecido asociativo veciñal da cidade. A liña 1, destinada ao apoio ao mantemento das sedes sociais, dispón de 25.000 euros. A liña 2, centrada en programas, proxectos e actividades de interese social, cívico e cultural, suma 35.000 euros. As entidades poderán optar a unha ou ás dúas liñas, sempre mediante solicitudes independentes.
As dúas convocatorias establecen que as actuacións subvencionables deberán executarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026. Ademais, prevese a posibilidade de tramitar pagamentos anticipados do 100 % da subvención concedida, coas garantías previstas nas bases, co obxectivo de facilitar que as entidades conten con liquidez suficiente para desenvolver os seus proxectos e actividades.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible